O persoal de Tranvías de Ferrol iniciará mobilizacións para esixir unha solución á reestruturación das liñas de autobús
Dende a representación do persoal explicaron que hai máis de tres anos a compañía (que presta servizo de transporte urbano de autobús en Ferrol, Neda e Narón), solicitou unha reestruturación das liñas -acordada coa parte social-, que garante o mantemento dos niveis de emprego e facilita un aforro económico para a empresa.
Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG, subliñou que autorizar a reordenación das liñas permitiría garantir os empregos actuais e mesmo incrementar as contratacións ao ampliarse o número de liñas e frecuencias. Isto, a súa vez, destaca, redundaría tamén nunha mellora do servizo para os usuarios e usuarias que terían maior flexibilidade horaria e novas rutas de autobús.
Precisamente, sinalaron na rolda de prensa, a falta de adecuación ás necesidades dos/as usuarios/as está provocando unha caída de viaxeiros/as.
Porén, transcorridos máis de tres anos, a Dirección Xeral de Mobilidade continúa sen resolver os cambios formulados, pondo en perigo a viabilidade da compañía e os postos de traballo. Neste senso, Pastoriza indicou que a representación do persoal mantivo reunións coas empresa e a Dirección Xeral de Mobilidade, “pero pasan os meses sen que se arranxe nada”.
Por iso, na asemblea celebrada o pasado venres para abordar esta situación, os traballadores e traballadoras acordaron iniciar un calendario de mobilizacións para urxir unha solución e garantir o mantemento dos empregos.
A primeira protesta terá lugar o día 9 de marzo, cunha concentración ás 11:00 horas diante do Concello de Ferrol. Se non hai cambios, o día 23 realizarase un paro de dúas horas (entre as 10 e ás 12 do mediodía) e non se descarta a convocatoria de novas mobilizacións.
Neste senso, o sindicalista da CIG apuntou que xa se mantiveron reunións cos concellos de Ferrol, Neda e Narón, que se amosaron interesados en que se realice unha mellora e ampliación do servizo nestes municipios, para o que estarían dispostos a achegar recursos económicos. Por iso, urxiu a Xunta a resolver a solicitude da empresa, do mesmo xeito que xa ten feito coas reordenacións formuladas por outras compañías para diversas liñas no resto do país.