O persoal de Thenaisie Provote demanda que Industria e Pesca presionen para desbloquear o conflito
Unha representación do persoal da conserveira Thenaisie Provote entrevistouse esta mércores con representantes de todos os grupos parlamentarios para que presionen aos conselleiros de Industria e Pesca para que desbloqueen o conflito. Tanto BNG, como PSOE e PP manifestaron o seu apoio pero, en concreto do PP, piden maior implicación porque son quen sustentan o goberno.
Segundo explicou ao remate das xuntanzas a representante da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, por parte do BNG foron recibidos pola súa portavoz nacional, ao igual que no caso do PSOE. Porén, por parte do PP estaban dous deputados da comisión de Pesca, “cando o normal sería que estivera o portavoz, como fixeron o resto dos grupos”. Por iso interpreta que isto é “derivar o conflito, porque atinxe tamén a economía e industria".
Tanto o BNG, que xa presentou unha interpelación parlamentaria que posiblemente se debata dentro de 15 días, como o PSOE, que manifestou a súa intención de presentar unha iniciativa, trasladaron o seu apoio “total”. Pola súa banda, os deputados do PP indicaron que mesmo falarían cos outros grupos para levar unha proposta conxunta ao pleno. Unha proposta positiva mais insuficiente porque “o PP non ten a mesma responsabilidade que o resto dos grupos xa que conta coa maioría no Parlamento”. Por iso Abuín trasladou aos deputados populares que ademais de levar iniciativas ao pleno “o que teñen que facer é presionar ao conselleiro de Industria e á de Pesca para que desbloqueen o conflito”.
Cuestión política
O persoal de Thenaisie Provote entende que esta é unha cuestión política e que se debe actuar en defensa dun sector no que se están deslocalizando as empresas e caendo en mans de fondos voitres “cando se trata dun sector esencial, como quedou demostrado nesta pandemia, porque é dos que máis traballou e segue traballando ao 100%”, apunta Rosa Abuín.
A representante da FGMAT-CIG non entende, por iso, “a pasividade da Xunta de Galiza porque pode haber armas legais para desbloquear o conflito, mais tamén armas políticas”. Por iso exixe do PP que faga algo máis que máis que presentar interpelacións. “Que está moi ben, pero o que ten é que presionar aos seus conselleiros para desbloqueen”.
Lembra que o conselleiro mantivo co persoal unha xuntanza en plena campaña pero “agora está desaparecido”, denuncia. Engade que tamén mantiveron varias reunións no IGAPE, onde se lles asegurou que había un compromiso de palabra pero que a empresa romanesa Scandia Food non quere seguir dirixindo a conserveira, nin vai facer investimento algún.
A empresa, que estaba negociando cun fondo inversor, comprometeuse a deixar as mans libres á Xunta para buscar outras alternativas con outros posibles inversores, se esta opción non ía adiante. Porén, denuncia Abuín, “levamos máis de 15 días agardando e ese compromiso non se efectivizou”. Por iso inisiste, “nós cremos que é unha cuestión política”.
Este xoves celébrase a última xornada da folga convocada. O sábado teñen previsto celebrar unha asemblea de traballadoras e traballadores para avaliar a situación e aí decidirán as próximas mobilizacións.