O cadro de persoal de Thenaisie intensificará as protestas para forzar a intervención da Xunta

Convoca unha marcha o domingo no Grove e para a semana mobilizarase en Vigo e Santiago
O Grove/Mos - 18 Set 2020

O cadro de persoal da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e Mos, intensificará as mobilizacións nos vindeiros días co obxectivo de forzar a Xunta a implicarse na busca dunha solución definitiva para a empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte das traballadoras/es en ERTE.

Dende a FGAMT-CIG do Salnés entenden que é o momento de que a Administración pública interveña de xeito decidido no proceso de venda da compañía, unha vez fracasados os contactos do grupo propietario -o romanés Scandia Food- cun suposto inversor interesado na adquisición. “Scandia comprometérase coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que non se materializasen as conversas que mantiñan cunha conserveira interesada en mercar Thenaisie, pero non está a cumprir a súa palabra”, sinala Rosa Abuín.

Por iso o comité de empresa optou por convocar seis xornadas de folga. As tres primeiras tiveron lugar os pasados días 15, 16 e 17 e rexistraron un seguimento de practicamente o 100% do cadro de persoal, o que paralizou a actividade na fábrica. As seguintes datas serán os días 22, 23 e 24 de setembro. Coincidindo cos paros, as traballadoras/es desenvolveron concentracións ás portas das instalacións da empresa, tanto no Grove como en Mos.

O calendario de mobilizacións inclúe tamén unha manifestación este domingo 20 polas rúas da localidade pontevedresa. A marcha arrincará do Concello ás 12:00 horas, para rematar no mesmo lugar tras percorrer as rúas do centro da vila. Para a próxima semana as protestas trasladaranse a Vigo e Santiago. Na cidade olívica terán lugar o martes 22, primeiro diante da sede do bufete de avogados Garrigues, que asesora a dirección de Thenaisie, ás 11:00 horas; e a continuación ás portas do edificio da Xunta, na praza da Estrela, ás 12:00 horas.

Finalmente, o mércores 23 as traballadoras/es desenvolverán unha concentración diante do Parlamento galego en Santiago a partir das 10:00 horas, media hora antes do inicio das xuntanzas que unha representación do cadro de persoal manterá cos distintos grupos políticos con representación parlamentaria.