O persoal de Textil Lonia organiza unha caravana de vehículos polo centro de Ourense
Tras a decisión da dirección de Sociedad Textil Lonia de abandonar a mesa de negociación aberta para abordar melloras por riba do convenio, as persoas traballadoras apostan por continuar coas protestas e mesmo por levar a cabo novas accións co obxectivo de socializar o conflito. De xeito que ademais das concentracións diarias diante de tendas de Carolina Herrera e Purificación Gracía previstas até o vindeiro 6 de febreiro, para ese mesmo día teñen organizada unha caravana de vehículos a partir das 18:00 horas.
O cadro de persoal considera a actitude que amosa a empresa ao suspender as conversas é unha nova falta de respecto, polo que está decidido a continuar coas protestas e incluso a intensificalas. Por iso dende o comité de folga optouse por convocar unha xornada de loita para trasladarlle á cidadanía a situación real que as persoas traballadoras de Textil Lonia padecen dende hai moito tempo. A acción reivindicativa terá o formato dunha caravana de coches particulares polas principais rúas do centro da cidade.
“Que STL se levante da mesa de negociación non é casual nin accidental: é a expresión máis clara do poder económico impoñéndose aos dereitos laborais. A empresa escolle o enfrontamento e pretende manter un pulso ás traballadoras, confiando en cansalas e silencialas. Un pulso que, segundo como decida resolvelo, pode ter consecuencias importantes e manchar aínda máis a imaxe das súas marcas. A compañía ten na súa man mudar xa, dunha vez por todas, as condicións laborais para que a sociedade esqueza este conflito, ou permitir que a mancha siga medrando”, tal e como sinala a secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González.
Desde a central sindical salientan a valentía e o enorme esforzo das empregadas de Téxtil Lonia que, “tras anos e anos aguantando e calando, agora decidiron dar un paso adiante e continuar coa loita.” Ao tempo que lle lanzan unha mensaxe á dirección: “as traballadoras soportaron, pero xa non. Esixen un cambio inmediato de actitude por parte da empresa, e unha mellora nas súas condicións laborais, porque é o xusto. Se queren seguir dialogando, aquí estamos. Se prefiren a confrontación, aquí seguiremos estando tamén”.