O persoal de Terpil acorda desconvocar a folga ante o compromiso de pago dos salarios
Os traballadores e as traballadoras de Terpil (auxiliar de Alcoa) acordaron o pasado venres desconvocar a folga indefinida que iniciaron o 27 de xuño en demanda do pago dos seus salarios e garantías da continuidade dos empregos. A decisión adoptouse tras o compromiso do administrador concursal de que se ían abonar os 30 últimos días de traballo efectivo e a paga extraordinaria de verán en tempo.
Tamén se comprometeu a regularizar o pago das nóminas a partir de agora e a axilizar e tramitar o pago dos meses adebedados (maio e a extra de marzo) do FOGASA. Deste xeito, o persoal retomou o traballo con normalidade dende este luns.
Segundo transmitiu a administración, o obxectivo do concurso sería a venda total da empresa ou a venda da unidade produtiva (é dicir da parte do traballo que se realiza para Alcoa) coa subrogación do persoal necesario. Tanto nun caso como noutro parece que xa hai compañías interesadas na adquisición, aínda que o ideal para garantir o mantemento de todos os empregos, explica Unai Donoso, delegado da CIG no comité, sería a venda total de Terpil.
Doutra banda, Donoso lamenta o desleixo de CCOO (que ostenta a maioría da representación) durante a folga, xa que ao inicio do paro indefinido quedou de presentar denuncia na Inspección de Traballo pola esquirolaxe practicada tanto por Alcoa como pola propia Terpil (que utilizaron traballadores/as doutras empresas para realizar o servizo), "pero malia a gravidade e ilegalidade destas actuacións, finalmente tivo que ser a CIG quen presenta a denuncia a finais da pasada semana".