O persoal de Tecnocom retoma as mobilizacións en demanda da restitución das súas condicións laborais e o abono das compensacións
Hai que lembrar que o persoal de Tecnocom vai iniciar folga indefinida durante as fins de semana a partir do sábado 24 de setembro, até acadar unha solución definitiva ás súas reivindicacións. Previamente, o venres 23, está prevista unha nova protesta ás 11:00 horas, desta volta diante da Consellaría de Sanidade (no complexo administrativo de San Lázaro), á quen a representación social ten solicitada a mediación.
Coa folga e mobilizacións, os 18 traballadores e traballadoras que realizan este servizo demandan volver de forma permanente ás condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago anteriores á modificación unilateral decretada pola empresa; así como o abono dos danos e prexuízos que a decisión ocasionou ao persoal durante o tempo en que foi efectiva.
Xunto a isto, piden unha compensación, económica ou en días libres, polos festivos realizados en horario diúrno e tamén pola cobertura dos festivos especiais en horario diúrno (24 de decembro, 25 de decembro, 31 de decembro, 1 de xaneiro, 6 de xaneiro).
Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas no SERGAS, polo que a folga terá repercusión tamén no funcionamento do sistema sanitario galego.