O persoal de Tecnocom convoca folga indefinida todas as fins de semana a partir do 24 de setembro
De xeito paralelo á convocatoria da folga, a CIG de Compostela informa que se vai solicitar a mediación do AGA no conflito e que contactaron coa Inspección de Traballo.
Cómpre lembrar que Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas no Sergas, polo que a folga terá repercusión tamén no funcionamento do sistema sanitario galego. En concreto, afectará aos hospitais de toda Galiza, xa que durante a fin de semana esta empresa encárgase de facerlle soporte informático, así como aos PACs e centros de saúde.
As traballadoras e traballadores de Tecnocom desenvolven o seu traballo en quendas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios que oscilan entre os 700 e os 850€. Denuncian que foi a raíz da reclamación dun festivo traballado cando Tecnocom, en represalia, mudou as quendas sen posibilitar negociación algunha e prexudicando os 18 traballadores e traballadoras que realizan este servizo por quendas.
Unha situación que os levou a presentar conflito colectivo e finalmente á convocatoria de folga. A pesar dos intentos de abrir vías de diálogo, as inasumíbeis propostas presentadas pola empresa impediron chegar a un acordo, propiciando novos paros. O feito de que a empresa apartara a determinadas persoas das súas responsabilidades durante o transcurso do conflito non fixo máis que agravar esa situación.
Esta será a terceira convocatoria de folga que o persoal realice en menos dun mes. E as reivindicacións continúan a ser as mesmas: volver de forma permanente ás condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago, anteriores á modificación unilateral; o abono dos danos e prexuízos que a decisión ocasionou ao persoal durante o tempo en que foi efectiva a modificación; compensación, económica ou en días libres, polos festivos realizados en horario diúrno e tamén compensación económica ou en días libres, por cobertura dos festivos especiais en horario diúrno (24 de decembro, 25 de decembro, 31 de decembro, 1 de xaneiro, 6 de xaneiro).