O persoal de Sidecu en Pontevedra iniciará mobilizacións se a empresa non actualiza os salarios
O cadro de persoal de Sidecu en Pontevedra, empresa que xestiona instalacións deportivas en distintas localidades galegas, vén de anunciar que iniciará mobilizacións se ao longo deste mes a empresa non procede a actualizar os salarios, tal e como establece o convenio galego.
Dende a representación sindical (2 delegados/as da CIG e 1 de CCOO) explican que parte dos traballadores/as continúan en ERTE derivado da pandemia a pesar de que a compañía reabriu as súas instalacións o pasado 26 de febreiro, ao tempo que denuncian que a dirección non procedeu a actualizar os soldos. Cando segundo o artigo 45 do convenio galego de instalacións deportivas, a suba salarial para este ano ten que ser dun 2,5%.
Diante disto, os delegados/as de persoal remitíronlle un escrito á empresa reclamando a actualización salarial, pero non obtiveron resposta. Tamén presentaron unha denuncia diante da Inspección de Traballo, “e parece ser que a empresa dixo que ía pagar o acordado”. Pero no caso de que non o faga durante o que resta do mes de maio, o cadro de persoal está disposto a convocar protestas na defensa dos seus dereitos.
En Pontevedra as persoas afectadas por esta situación ascenden a 25: os 20 traballadores/as da instalación que Sidecu xestiona en Pontemuíños e os 5 de Sidecu 24 horas, con sede en Pontevedra. Aínda que a compañía conta con máis centros de traballo noutras localidades do país, cuxos/as empregados/as tampouco viron actualizados os seus salarios conforme ao convenio galego.