O persoal de seguridade dos museos de Vigo mobilizarase diante do Concello para reclamar o pago das débedas
A CIG-Servizos anunciou hoxe que desenvolverá unha mobilización diante do Concello de Vigo o vindeiro venres 28 de febreiro de 11:00 a 12:30 horas para reclamar o pago das débedas co persoal de seguridade da rede museística municipal. Dende a central denuncian que a empresa concesionaria do servizo, Seguridade Integral e Mantemento A1, non lle ingresou a paga extra de Nadal nin parte da nómina de xaneiro ao seu persoal.
Segundo sinala o responsábel de Organización de CIG-Servizos, Pedro Pérez, en total están afectados/as 18 traballadores/as que desenvolven a súa actividade na Pinacoteca, no Quiñones de León, na Casa das Artes e na Casa Galega da Cultura. “Esta situación xa se miraba vir dende hai tempo, xa que a compañía sempre se atrasaba co pago das nóminas, tendo varias denuncias na Inspección de Traballo por este incumprimento, entre outros; ademais, tampouco asume as cotas da Seguridade Social destes/as empregados/as dende novembro de 2019”.
Pérez lembra que a empresa ten varias resolucións da Inspección de Traballo e da Seguridade Social por incumprimentos en materia laboral, de formación obrigatoria e pola inadecuación da uniformidade. Igualmente está sancionada polo departamento de Seguridade Privada da Comisaría de Vigo por non impartir a formación obrigatoria aos vixiantes de seguridade.
Ao mesmo tempo, advirte que a empresa “ten todas as papeletas” para entrar en concurso de acredores, “situación da que é en boa parte culpábel e cómplice necesaria a propia Administración local por non exercer o debido control sobre estas empresas, ás que contrata a baixo prezo, sacando cada vez concursos máis precarios e baratos na procura dunha seguridade low cost, en lugar de primar a solvencia, a capacidade e a calidade; só teñen en contra o factor económico, actitude que favorece a estes piratas empresariais que agora teñen que padecer os traballadores/as”.
O Concello desenténdese
O responsábel sindical incide en que tanto o alcalde, Abel Caballero, como o concelleiro de Cultura, Abel Losada, son coñecedores da situación. “Con Losada tivemos varias reunións, pero agora xa non responden ás demandas dos afectados/as e miran para outro lado”.
Pola súa banda, o representante sindical da CIG nesta empresa na provincia de Pontevedra, Benito López, explica que o Concello de Vigo ten contratados os servizos de seguridade da rede museística da cidade e as instalacións de seguridade do Verbum a esta empresa por 671.068,37 euros ao ano, “favorecendo así a este tipo de empresas que ofertan á baixa, sendo despois os traballadores os que sufrimos as consecuencias, mentres o Goberno local presume de aforrar cartos na contratación do servizo”.
Diante disto, entende que o que ten que facer o Concello é vixiar que este tipo de compañías cumpran cos pregos de contratación, “para non ser cómplices de situacións como esta, precarizando cada vez máis os servizos de seguridade”.