O persoal de seguridade do CHUO mobilízase para reclamar o pago dos salarios pendentes
Persoal de seguridade do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desenvolveu hoxe unha concentración ás portas do centro médico para reclamarlle á anterior empresa encargado do servizo, Prosetecnisa, o pago do salario de setembro e o finiquito, que aínda non lles foron abonados.
Os problemas no pago de salarios veñen de lonxe, xa que no mes de agosto a CIG denunciara a Prosetecnisa -a anterior empresa encargada do servizo- diante da Inspección de Traballo por atrasos constantes. Agora, e a pesar de que GFS asumiu a seguridade do CHUO o pasado 1 de outubro, os traballadores/as continúan sen cobrar tanto a nómina de setembro como o finiquito correspondente por parte de Prosetecnisa.
Curiosamente, tanto estas dúas empresas como a anterior encargada do servizo -Segur Ibérica, que se atopa en liquidación- compartiron o mesmo xerente, persoa que ao mesmo tempo é administradora de Prosetecnisa.
Ante os atrasos constantes rexistrados con anterioridade e os novos problemas detectados, a CIG decidiu iniciar mobilizacións para reclamar o pago das nóminas, protestas que se iniciaron hoxe e que non contan co apoio dos tres delegados de persoal, da USO, que mesmo manobraron para intentar boicotealas. “Ademais de non percibir o salario pendente, o persoal non ten información por parte da nova empresa, que se limitou a mandarlles os uniformes por mensaxería, pero ninguén se puxo en contacto con eles/as”, denuncian dende a central sindical.
A concentración de hoxe tivo lugar de 10:00 a 10:30 horas ás portas do CHUO, onde se despregou unha faixa denunciando a situación na que se atopan os vixilantes de seguridade e se berraron consignas esixindo o pago dos soldos. Dende a CIG anuncian que as protestas continuarán nos vindeiros días e que se manterán até que os traballadores/as ingresen o salario pendente e o finiquito correspondente.
Esta empresa é a mesma que se encarga dos servizos de seguridade de Reganosa e Forestal del Atlántico (en Mugardos) e tamén presta servizos para Gadisa.