O persoal de seguridade do CAPD de Redondela mobilízase para esixirlle a Mersant o pago dos salarios
O persoal encargado da seguridade do Centro de Atención de Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela mobilizouse hoxe diante das instalacións situadas no Camiño do Gaio, en Chapela, convocado pola CIG-Servizos para reclamar o pago dos salarios pendentes. En concreto, a empresa adxudicataria deste servizo público dependente da Xunta, Mersant Vigilancia, adebédalle as nóminas de decembro de 2021 e de xaneiro deste ano.
Na protesta participaron tamén de xeito solidario traballadores/as do CAPD e membros do comité de empresa de Política Social na provincia de Pontevedra en apoio das reivindicacións do persoal afectado. Ademais, a representación da CIG neste comité vai presentar na vindeira xuntanza unha proposta para solucionar de inmediato esta situación.
Situación que dende a central sindical consideran “totalmente inasumíbel”, xa que os traballadores/as permanecen sen cobrar a pesar de seguen a cumprir cos seus deberes e obrigas laborais “mentres a Consellería de Política Social, a Inspección de Traballo e a propia Xunta miran cara a outro lado a pesar das reclamacións da CIG para que se rescinda o contrato coa empresa polo incumprimento das condicións do concurso”. Ademais, canto máis tempo pase e máis débeda se acumule máis complicado vai ser atopar unha compañía que queira facerse cargo do servizo “porque tería que asumir os salarios pendentes”.
A CIG xa se dirixiu á Consellaría para denunciar as irregularidades e incumprimentos do prego de condicións do concurso do servizo de seguridade de todas as instalacións dependentes de Política Social no conxunto de Galiza. Na provincia de Pontevedra os afectados son o CAPD de Redondela, a residencia xuvenil Altamar, o centro de menores Avelino Montero e CRAPD de Vigo I e II.
A federación de Servizos leva tempo advertindo sobre a situación temeraria dos últimos contratos da Xunta en materia de seguridade, “que non se preocupa polo tipo de empresas ás que lles adxudica os servizos, como no caso que nos ocupa, xa que Mersant Vigilancia leva con problemas de abono dos salarios dende que resultou adxudicataria, incumprindo o convenio colectivo ao pagar sempre fóra de prazo”.
Actuación irregular de Política Social
Para a CIG trátase dunha actuación totalmente irregular que vulnera a lei de Seguridade Privada, polo que instan a Xunta a rescindirlle o contrato a Mersant e a contratar unha empresa solvente e con capacidade para facerse cargo dos 18 centros dependentes de Política Social. “Teñen que atopar unha solución conxunta e non poñer parches para cubrir o servizo só en dous centros de menores, curiosamente as instalacións que máis alarma social crean pola súa tipoloxía”.
Para a CIG trátase dunha actuación totalmente irregular que vulnera a lei estatal de Seguridade Privada, polo que instan a Xunta a rescindirlle o contrato a Mersant e a contratar unha empresa solvente e con capacidade para facerse cargo dos 18 centros dependentes de Política Social. “Teñen que atopar unha solución conxunta e non poñer parches para cubrir o servizo só en dous centros de menores, curiosamente as instalacións que máis alarma social crean pola súa tipoloxía”.
Precisamente con este obxectivo o BNG tramitou varias preguntas a través da súa representación no Parlamento para que a Xunta explique que xestións pensa facer para rematar coas deficiencias do servizo e para garantir que o persoal cobre puntualmente os seus salarios. E tamén para impedir que compañías coma esta, que de maneira reiterada vulnera os dereitos laborais e salariais do seu persoal, poidan optar a contratos públicos.