O persoal de seguridade de Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa non cobrou o mes de xullo nin a paga extra
A CIG-Servizos de Ferrol denuncia que as traballadoras e traballadores de Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa non cobraron aínda o mes de xullo e tampouco a paga extraordinaria do verán. Afirma que a sucesión continua de empresas cativas no servizo do Grupo Tojeiro ten abocado ao persoal a un rosario de impagos e a precarización das súas condicións de traballo.
Neste sentido lembra que logo da saída de Prosetecnisa, que entrou en quebra, a entrada de GFS non solucionou en absoluto o problema, xa que os impagos continuaron e continúan, adebedando esta empresa o salario de xullo, así como a liquidación ao persoal.
O 1 de agosto entrou en substitución de GFS a empresa Norvik Security Services, empresa que é “reponsable solidaria destes impagos e que tampouco está a facerlles fronte”. Esta empresa, segundo a CIG-Servizos, “ten comezado amosando as mesmas carencias que as anteriores, ao nin sequera dotar ao persoal da uniformidade precisa”. Por iso pregúntase “como é posible que o Grupo Tojeiro contrate outra empresa con problemas económicos”.
Para a central sindical resulta sorprendente que mentres Reganosa gaña mercado coa súa entrada no Porto de Musel, ou desenvolve proxectos industriais como a planta de metanol verde en Mugardos, o persoal de seguridade “está condenado a sufrir as condicións de empresas de seguridade que están a demostrar escasa solvencia”.
Toda a sucesión de empresas de seguridade problemáticas teñen, segundo a CIG-Servizos, un elemento en común, “a presenza de Jaime Villares, que semella ser o “conseguidor” de empresas de seguridade do Grupo Tojeiro”. Por iso, advirte, “mentres el o continúe a ser, moito nos tememos que a situación irá empeorando”.
Responsabilidade do grupo Tojeiro
Para a CIG-Servizos o Grupo Tojeiro ten a obriga de que as empresas que contrata cumpran coa Lei e cos traballadores/as dos seus cadros de persoal. “As traballadoras e traballadores de seguridade só está a exixir eso, o cumprimento da Lei, cobrar polo traballo realizado coa puntualidade debida e poder traballar en condicións dignas. Algo que entendemos o grupo Tojeiro tamén debería querer”.
Por iso anuncian que o vindeiro luns, día 14 de agosto, o persoal concentrarase na porta de Forestal ás 11:00 horas e adiantan que as mobilizacións continuarán até que a situación se normalice e se aboe o adebedado.