O persoal de seguridade de Reganosa e Forestal del Atlántico mobilízase en defensa dos seus dereitos
Os traballadores e traballadoras que prestan o servizo de seguridade privada en Reganosa e Forestal del Atlántico concentráronse este venres na entrada de ambas compañías para denunciar os incumprimentos e irregularidades tanto por parte da empresa de seguridade saínte, Prosetecnisa, como pola que actualmente presta o servizo, GFS Security Group. Durante as protestas (que recibiron o apoio dos comités de Reganosa e Forestal) tamén se amosou o rotundo rexeitamento á persecución iniciada pola compañía contra tres compañeiros, un dos cales é delegado de persoal.
Lembran que, aínda que Prosetecnisa xa entregou a a folla de liquidación ao persoal (na que van incluídas as cantidades devindicadas e a nómina de setembro), por agora non se fixo efectivo o cobro dos cartos adebedados. Polo que a estas alturas de outubro o persoal aínda non percibiu o salario de setembro. E GFS (que accedeu ao servizo a primeiros de mes), na carta de subrogación que está a entregarlle ás traballadoras e traballadores, xa se encargou de introduciu unha cláusula pola que intenta eximirse da responsabilidade de pagar ditas cantidades no caso de que Prosetecnisa finalmente non as abonara.
Para garantir o cobro desas contías, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, xa se presentaron as correspondentes demandas por reclamación de cantidades.
Denuncias na Inspección e nos xulgados
Rodríguez advirte das actuacións realizadas até agora por GFS Security Group, que está a enviar documentación urxindo o persoal a que a asine, cando entre os documentos se inclúe unha acta de entrega de EPI que non se produciu e un curso de prevención de riscos laborais "do cal están a enviar as respostas do test por whatsapp para asegurarse que todo o mundo aproba". Estas manobras súmanse ao feito de que o persoal aínda está sen cobrar a nómina de setembro e ás irregularidades no proceso de subrogación.
Ademais, "non podemos esquecer que tamén semella que GFS incorreu nun delito de falsidade documental á hora de presentar as certificacións ISO á empresa Prosetecnisa durante a negociación da cesión dos servizos, asunto polo cal terán tamén que render contas no xulgado". Alén do control de acceso e seguridade en Reganosa e Forestal del Atlántico, GFS tamén presta servizos en Gadisa e nos hospitais públicos de Ourense, O Barco e Verín.
Persecución da empresa contra o persoal
Por se non fora abondo, a este acúmulo de despropósitos hai que sumar agora a represión sindical iniciada pola empresa contra tres traballadores: un deles delegado de persoal e outros dous compañeiros afíns á CIG. Ao primeiro, a compañía entregoulle unha carta, que é unha presanción, comunicándolle que en breve recibirá a cualificación e a notificación da sanción. "Entendemos que é unha represión sindical pola súa labor como representante do persoal" e por denunciar os incumprimentos e irregularidades que está a cometer a empresa.
Por este motivo, xa foi presentada denuncia na Inspección de Traballo solicitando activar o protocolo de acoso.
Rodríguez critica que a ousadía amosada por GFS "non ten parangón, créndose impune ante todo tipo de ilegalidades", que xa foron denunciadas pola CIG. Estándose agora á espera da emisión dos oficios pertinentes por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social. "Dende a CIG continuaremos demandando unha solución definitiva para un sector que adoece dos mesmos problemas de precariedade dende hai décadas, apostando por un modelo no que empresas como GFS ou Prosetecnisa non teñan cabida, e defendendo os intereses do persoal en toda Galiza".