O persoal de seguridade de GFS continúa sen cobrar a nómina de setembro e a liquidación
Comezado xa decembro de 2022, o persoal da empresa valenciana GFS Security Group que presta servizos de seguridade a compañías como Reganosa, Forestal del Atlántico, Gadisa ou o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), continúa sen recibir os salarios de setembro e as liquidacións deixadas de pagar pola anterior empresa Prosetecnisa.
Isto acontece, denuncia a CIG-Servizos, a pesar do suposto acordo asinado entre Prosetecnisa e GFS, en virtude do cal esta se faría cargo dos salarios deixados de percibir dende o mes de setembro polas traballadoras e traballadores, que só na provincia da Coruña suman 250.000 euros.
A Inspección de Traballo, atendendo a denuncia presentada pola CIG-Servizos por mor das continuas demoras e finalmente impagos salariais, tamén apunta como responsábel destes continuos atrasos á empresa GFS, xa que en aplicación do artigo 44 do Estatuto das persoas Traballadoras, as empresas adxudicatarias quedarían subrogadas a cumprir cos dereitos e obrigas do persoal, entre eles, o pagamento de salarios e cotizacións. Deste xeito, engade a CIG-Servizos, "GFS podería estar incorrendo continuamente nestes impagos dende o 1 de outubro ao non facerse cargo das débedas salariais deixadas por Prosetecnisa".
Represalias contra os traballadores
Cómpre lembrar ademais, que ás dúas semanas da entrada no servizo, GFS suspendeu de emprego a traballadores que prestan servizos en Reganosa (un deles membro do comité pola CIG). Case dous meses despois, os tres compañeiros "continúan á espera da súa reincorporación ao posto de traballo, ou cando menos de coñecer os motivos e alcance da medida que provoca negarlles o acceso a unha prestación normal de servizos, vulnerando novamente o dereito a dispor dunha ocupación efectiva". Incluso posto en contacto os traballadores coa central de GFS, "estanlles a negar a identificación dos motivos alegados, coma a súa reincorporación inmediata ao seu centro de traballo".
GFS Security Group, empresa valenciana que chegou o 1 de outubro á xestión de controis de acceso a empresas tan coñecidas como as anteriormente citadas, subrogouse no contrato que viña mantendo Prosetecnisa con estes clientes, polo que a 31 de decembro ditos contratos ficarían vencidos. "Agora a responsabilidade recae nas mans das empresas clientes que serán as responsábeis de decidir se volven a unha contratación responsábel baseada na calidade e non soamente no prezo", subliña Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
Tres empresas quebradas nos últimos anos
Neste senso, apunta que nos últimos anos xa pasaron por estes servizos tres empresas quebradas, estando esta última incluso investigada pola Fiscalía por mor da suposta comisión dun delito de falsificación documental no proceso de subrogación dos servizos con Prosetecnisa, con todo o dano ao persoal asociado a dita situación. "A día de hoxe a deriva violenta contra o persoal segue en ascenso tras presentar GFS uns cuadrantes que modifican unilateralmente as condicións de traballo do persoal, extremo que será posto en coñecemento da autoridade Laboral na mellor defensa das traballadoras e traballadores do servizo".
Diante desta situación, a CIG xa avanza que as mobilizacións que o persoal veu desenvolvendo nos últimos meses diante dos centros de traballo continuarán mentres non se dea "unha saída digna e inmediata ao conflito", á espera tamén da decisión que adopten as empresas clientes.