O persoal de Seaga solicita “axuda divina” contra a precariedade laboral ante o abandono da Xunta
Arredor dun cento de empregados/as da empresa pública Seaga participaron ao mediodía na marcha a pé que arrincou do campamento instalado diante dos edificios centrais da Xunta en San Caetano. Tras percorrer as principais rúas do centro histórico, a comitiva achegouse primeiro até a Praza do Obradoiro e despois até Praterías, onde foron recibidos polo deán da catedral.
Unha delegación do persoal integrada por representantes dos comités das catro provincias accederon ao interior do templo relixioso acompañada por responsábeis da CIG-Servizos, co secretario nacional, Paulo Rubido á cabeza. Unha vez alí trasladáronlle a problemática laboral que padecen ao representante da Igrexa católica e a continuación realizaon a ofrenda floral ao Apóstolo Santiago.
Segundo explican dende a central, con este acto reivindicativo pretenden solicitar “axuda divina” ante o abandono por parte da Consellería do Medio Rural e da propia Xunta, “ademais de agradecer que non tivese sucedido ningunha desgraza durante a tempada de incendios a pesar do caos existente no dispostivo de extinción”. Unha vez rematada a ofrenda, os participantes na mobilización regresaron a San Caetano para xantar, tras o que procederon a levantar o campamento no que permaneceron 24 horas diarias dende o pasado luns.