O persoal de SEAGA manifestarase en Compostela o 24 de abril en demanda dunha solución
Representantes dos comités provinciais de Seaga e a CIG-Servizos compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela para o vindeiro mércores, día 24 de abril, con saída da Praza Roxa até a Xunta. Demandan unha inmediata solución para os 500 traballadores/as que quedarán excluídos na próxima campaña de extinción se non se modifica o decreto e se abre un período extraordinario para que poidan presentar os seus méritos.
Ao remate da campaña de prevención e extinción de incendios do pasado verán (2018) a consellaría de Medio Rural anunciou que SEAGA deixaría de recibir encomendas para a extinción de lumes, camiñando así cara a unificación e profesionalización do servizo, tal e como a CIG viña demandando desde hai anos.
A Xunta avanzaba ademais que para suplir eses postos, a administración crearía 500 empregos propios a cubrir a través das listas da Xunta. Porén, segundo o estabelecido no decreto de contratación, o persoal de SEAGA -a pesar de ser unha empresa pública dependente da Consellaría de Medio Rural- non pode computar a súa experiencia laboral.
Compromiso de modificación do decreto
Isto provocou innumerables mobilizacións e mesmo convocatorias de folga demandando que se mudara ese decreto para que si se puidera baremar a experiencia e antigüidade das traballadoras e traballadores desta empresa pública. E foi precisamente grazas a esas mobilizacións como se conseguiu a compromiso da Xunta de modificalo para que se puntuara axeitadamente ao persoal de SEAGA.
Malia isto, o decreto, cos cambios demandados e comprometidos non foi aínda publicado, pero si se abriron xa as listas de contratación. Así as cousas “hai xente que con moitas menos campañas e con moitos menos anos en incendios xa está puntuada e baremada agora mesmo e xente de SEAGA con 10 e 12 campañas que ten cero puntos”, denunciou a representante de CIG-Servizos, Cecilia Tarela.
De manterse esta situación, na próxima campaña 500 traballadoras e traballadores de SEAGA quedarán excluídos/as e, xa que logo, sen posto de traballo.
Reiteración de compromisos
Segundo explicou Tarela, o pasado 22 de marzo, logo de estar toda unha mañá agardando, unha representación do persoal conseguiu reunirse co conselleiro en Pontevedra. “Comprometeuse a dar unha contestación, nunha semana, ao problema do decreto. Pero non se deu”.
Tarela lembrou que deran de prazo até o día 28 de marzo, data na que aínda non se fixeran as modificación pertinentes. Por iso, o pasado día 3 de abril presentáronse na Dirección Xeral de Montes e pediron de novo unha contestación, aproveitando que estaba o Director Xeral de Montes, pero non a conseguiron. “Isto levounos a acordar a convocatoria de manifestación porque as listas de contratación xa están abertas”, sinalou.
Con todo, hoxe mesmo, pasaron de novo pola Dirección Xeral de Montes, onde o propio Director Xeral asegurou que o persoal de SEAGA si sería baremado e entraría nas listas da Xunta sen problema. Para a representante da CIG-Servizos “está moi ben o que nos di pero xa imos fartos de que nos expliquen sempre as mesmas historias, así que mantemos a mobilización”.
Por iso asegurou que “se de aquí ao 24 de abril non hai ningún tipo de resposta, xa co decreto na man, a mobilización seguirá para adiante”.
No mesmo sentido se manifestou o represente do comité da Coruña, Peter Brea, quen afirmou que “se realmente vai a haber unha modificación do decreto de listas antes do día 24 de abril, onde se nos recoñeza a puntuación que se nos está ofrecendo pero que non se nos dá e onde se recoñece un traballo que levamos facendo 12 anos, daquela ao mellor non nos manifestamos e falamos, porque si estamos dispostos a falar, pero o que queremos é que sexa verdade”.
Persoal sobradamente cualificado
Brea subliñou que “somos un continxente de xente sobradamente cualificada e experimentada en labores de extinción e non entendemos como non se conta con nós ou como se nos pode vacilar desta maneira de hai máis de un ano”.
A ese respecto cuestionou as diferentes respostas que veñen recibindo desde as distintas instancias implicadas na reorganización do servizo público de defensa contra incendios. “Non entendemos como é posible que Función Pública, por unha banda, Medio Rural, pola outra, e dentro de Medio Rural, a Dirección Xeral de Montes, digan cousas diferentes ou polo menos non se poñan de acordo”.
O presidente do comité de Coruña asegurou que o normal sería que as modificacións do decreto de contratación se tiveran feito antes de abrir as listas e lembrou que se se fai agora terán que habilitar un período extraordinario para que o persoal de SEAGA poda presentar os seus méritos.
Denunciou ademais que segue a improvisación, a falta de prevención e a falta de medios para combater incendios forestais como os que se produciron nas últimas semanas. Por iso chamaron a sumarse á manifestación convocada para o vindeiro día 24 de abril, porque “os incendios son un problema de toda Galiza, non só das traballadoras e traballadores de SEAGA”.