O persoal de SEAGA exixe en Compostela que se publique xa o novo decreto de listas
Traballadoras e traballadores de SEAGA percorren esta mañá, baixo unha intensa chuvia, as rúas de Compostela para exixir a Medio Rural o cumprimento do compromiso de publicar o decreto de listas que permita que a experiencia, de máis de 12 anos, deste persoal compute para poder seguir traballando en prevención e extinción de incendios. “Do contrario farémolos responsábeis do despedimento de máis de 500 traballadores e traballadoras e actuaremos en consecuencia”, advertiron.
A manifestación, que rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, concluíu coa lectura dun manifesto, por parte dos presidentes dos comités, no que lembraron que SEAGA é unha sociedade mercantil pública dependente da consellaría de Medio Rural que, desde 2007, hai máis de 12 anos, traballa na extinción dos lumes como medio propio da consellaría e do PLADIGA.
Precariedade laboral
Xunto a isto subliñaron tamén que na extinción de incendios traballaban os servizos propios da Xunta e empresas públicas como SEAGA ou TRAGSA e privadas como Natutecnia e as brigadas dos concellos. “Realizabamos o mesmo traballo pero non cobramos o mesmo e, nin tan sequera temos un convenio colectivo. Rexémonos polo Estatuto dos traballadores. Máis de 12 anos nunha precariedade laboral, traballando 3 meses ao ano, nunha profesión como a de bombeiros forestais, arriscando as nosas vidas para defender o patrimonio de todas e todos os galegos”, denunciaron.
Os comités de SEAGA levan anos reclamando un Servizo de Extinción único, público e de calidade e unha planificación e unha política forestal que non estea baseada no monocultivo do eucalipto e no abandono total do monte.
Sen modificar o decreto
Porén, hai un ano, tal e como sinalaron no manifesto, Medio Rural anunciou a retirada da encomenda da extinción de lumes a SEAGA e a creación de 500 prazas a través da cobertura por listas da Xunta. “A CIG mobilizouse entón contra esta decisión, pois o decreto que estaba en vigor puntuaba o tempo traballado en SEAGA, recoñecendo só a experiencia na Xunta e nos concellos, o que supoñía que quedabamos fóra da cobertura de prazas”, denunciaron.
Lembraron que foron numerosas as concentracións, manifestacións, e mesmo a convocatoria dunha folga, coas que reclamaron a modificación do decreto para puntuar o tempo traballado en SEAGA, como ente instrumental da Xunta.
Por iso denunciaron a “improvisación” e a “total descoordinación” da consellaría, que ten a día de hoxe ese decreto sen publicar. “Os comités de empresa, con maioría absoluta da CIG, seguimos reivindicando que os traballadores e traballadoras de SEAGA poidamos acceder en igualdade de condicións a estas prazas de reforzo para o servizo e poidamos pór a nosa experiencia e profesionalidade ao servizo da cidadanía galega”, afirmaron.
Apoio a un servizo único pero en contra dun ERE encuberto
Con todo, manifestaron o apoio aos pasos que se van dando cara un servizo único e público mais matizaron que se ten que ter en conta que as brigadas de SEAGA “teñen que estar dentro deste servizo pois o capital humano ten demostrada a súa experiencia, a súa valía e o seu compromiso”.
O que xa adiantaron que non van permitir é que a Xunta e o Partido Popular “fagan un ERE pola porta de atrás e deixen na rúa a máis de 500 traballadores/as porque iso é o que vai suceder se non se puntúa o tempo traballado en SEAGA”, advertiron.
Por iso lembraron ao conselleiro de Medio Rural que ten unha promesa cos traballadores e traballadores desta empresa pública “que non é outro que publicar o Decreto e que vamos a facer que se cumpra, porque do contrario farémolo responsábel do despedimento de máis de 5500 traballadores e traballadoras dunha empresa pública e actuaremos en consecuencia”, concluíron.