O persoal de Repsol continúa coas mobilizacións contra a destrución de postos de traballo

A sección sindical da CIG advirte que este recorte supón un risco directo para a operativa da unidade de Coque
A Coruña - 14 Abr 2026

Traballadores e traballadoras da refinería da Coruña volvéronse mobilizar este martes contra o recorte de persoal aplicado pola dirección na unidade de Coque. Unha decisión que, reitera a sección sindical da CIG, compromete a seguridade das persoas e das instalacións e supón un paso máis na política de destrución de emprego e de falta de investimentos de Repsol neste complexo industrial.

A representación da CIG denuncia que Repsol, baixo o eufemismo de ‘modificación de estrutura’, segue a minguar o cadro de persoal sen achegar información nin documentación que xustifique este recorte, nin tampouco explica como se organizará o traballo nesta unidade cunha persoa menos por quenda, tendo en conta as operacións críticas que se fan en Coque.

“Estamos falando de que se precisan un mínimo de catro persoas operadoras para executar determinadas actividades con garantías. O que non sabemos é como pretende a dirección executar este tipo de manobras co cadro de persoal reducido”, cuestiona a representación da CIG.

Engaden que eliminar persoal nesa área non só dificulta o traballo diario, “senón que supón un risco directo para a seguridade operativa da planta e a integridade de todos e todas as traballadoras”.  

O responsábel da CIG en Repsol, Ventura Agis, explica que reducir efectivos implica, na práctica, “obrigar o persoal a asumir varias posicións simultaneamente ou ter que realizar operacións críticas sen os recursos necesarios, aumentando de forma inaceptábel o risco de erro humano, as incidencias operativas e os accidentes”.

Fronte a isto, a sección sindical insta ao conxunto das traballadoras e traballadores a dar unha resposta contundente a Repsol, participando das concentracións e da xornada de folga convocada para o 27 de abril “porque non podemos permitir que xoguen cos nosos postos e coa nosa  seguridade”.