O persoal de recollida de lixo e limpeza viaria de Cedeira reclama a nova licitación do servizo
Persoal do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), punto limpo e limpeza viaria concentrouse esta mañá, xunto coa CIG-Servizos, en protesta pola situación que están a padecer. Denuncian a precariedade de medios “intolerable” que sofren tras anos agardando a que a corporación municipal publique unha nova licitación que permita rematar con esta situación.
Entre outras cuestións sinalan os medios auxiliares “en moi deficiente estado” cos que contan, o camión obsoleto que se avaría case todas as semanas e un punto limpo que non é o suficientemente grande para satisfacer as necesidades da vila, o que provoca constantes problemas no servizo diario.
Responsabilidade da corporación municipal
Atribúen esta situación á falta duns pregos que permitan actualizar o servizo á realidade económica e social do 2024, mais tamén dignificar as condicións laborais do persoal, que leva máis dunha década sen mellorar. “Teñen un convenio en situación de ultraactividade desde o ano 2011, o que provoca un estancamento nas condicións salariais e sociais inaceptable”.
Denuncian que os pregos e a contratación están “nunha situación de vencemento vergoñenta” e que a empresa concesionaria do servizo “tampouco fai nada por intentar mellorar a situación, escudándose en que como están no que semella unha prórroga eterna non o poden mellorar”.
Xuntanzas coa alcaldía
A pesar de manter varias reunións coa alcaldía durante o ano 2023, chegando nunha última reunión a acadar o compromiso firme por parte do Alcalde de remitir un borrador dos pregos no prazo de quince días, afirman que “transcorrido máis dun ano, ese compromiso non foi cumprido”. Por iso, o persoal tomou a decisión de elevar a público o conflito, co ánimo de que a veciñanza de Cedeira coñeza a situación que están a atravesar as traballadoras e traballadores.