O persoal de PROSECTENISA en REGANOSA e Forestal del Atlántico aínda non cobrou a nómina
A CIG-Servizos de Ferrol vén de denunciar a situación do persoal do servizo de control de accesos que a empresa PROSETECNISA ten tanto na entrada a REGANOSA como a Forestal do Atlántico. A central sindical xa rexistrou unha denuncia en Inspección de Traballo, porque as traballadoras e traballadores aínda non cobraron as súas nóminas do mes de xullo.
CIG-Servizos de Ferrol explica que malia o convenio colectivo establecer claramente que o percibo dos salarios tense que efectivizar nos 3 primeiros días hábiles do mes ou, no seu defecto, nos 5 primeiros días naturais, o caso é que a día de hoxe aínda non percibiron o seu salario.
Esta non é a primeira vez que acontece un incumprimento semellante no centro de traballo e a CIG-Servizos lembra que xa tiveron que denunciar unha situación semellante no ano 2019. Daquela “mesmo tiveron problemas para percibir correctamente os pluses estabelecidos no convenio”.
Denuncia en inspección
Diante desta situación a central sindical xa tomou as medidas legais oportunas e rexistrou un escrito de denuncia na Inspección de Traballo e Seguridade Social para que se resolva o conflito á maior brevidade posíbel.
En todo caso, a CIG-Servizos manifesta o seu “máis profundo rexeitamento ás políticas dunha empresa sobradamente solvente que decide secuestrar os salarios do persoal sen xustificación algunha nin motivo aparente, xerando unha situación de indefensión e incerteza no persoal que non este sindicato, nin os membros existentes no comité de empresa da CIG podemos, nin debemos deixar pasar”.