O persoal de Poligal trasladará unha queixa ao xulgado do mercantil pola actitude obstaculizadora do administrador concursal
Como vén sendo habitual, os extraballadores e as extraballadoras de Poligal volvéronse concentrar este mércores diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol en demanda dunha solución que permita retomar a actividade na planta de Narón e recuperar os máis de cen empregos destruídos tras a decisión do Grupo Peralada de deslocalizar a produción e botar o peche.
A protesta prodúcese un día despois da reunión mantida na marco da mesa de traballo creada no IGAPE, na que a representación institucional confirmou que están asinados acordos de confidencialidade con dous grupos inversores interesados, pero que as negociacións non avanzan a causa da actitude obstaculizadora do administrador concursal.
Segundo explicaron dende o IGAPE, o administrador nomeado non está realizando o traballo que lle corresponde, no sentido de que non facilita información e nin sequera tivo a ben concretar a data de visita ás instalacións solicitada por unha das firmas interesadas. "Esta compañía, segundo dixo o IGAPE, xa ofreceu varias datas para ver a planta, pero o administrador non confirmou ningunha delas", explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol.
Diante deste bloqueo, a representación social remitirá un escrito de queixa ao Xulgado do Mercantil número de 7 de Barcelona, que leva o concurso de acredores. "Entendemos que o administrador non está realizando o seu labor e que o xulgado debe tomar as medidas oportunas. A situación para retomar a produción nas instalación xa é complicada abondo, ao estar a actividade paralizada e o persoal na rúa, como para que por enriba, sexa a Administración concursal quen boicotee calquera posíbel saída", critica Amado Tallón.
O persoal só cobrou o 25% da indemnización
Xunto a isto, denunciar que a día de hoxe os traballadores e as traballadoras só cobraron o 25% da indemnización polo despedimento, cando existe un acordo de garantía polo cal Poligal Portugal se compromete a facerse cargo do pago do 100% das contías económicas. Neste senso, Amado critica que o administrador concursal "tampouco estea facendo nada para esixir da empresa que cumpra coas garantías pactadas e afronte o pago das cantidades que ten pendentes de percibir o persoal e que legalmente lle corresponden".