O persoal de Poligal seguirá pelexando para buscar unha saída que permita retomar a actividade produtiva
A asemblea de traballadores e traballadoras de Poligal aprobaba o pasado sábado por unanimidade o preacordo do ERE alcanzado na madrugada anterior pola representación social, o administrador concursal e a empresa. Porén, advirten, isto non supón abandonar a loita para que se retome a actividade produtiva e se manteña o emprego nas instalacións de Narón, senón que seguirán reclamando unha alternativa de futuro na mesa técnica creada pola Xunta e ao Ministerio de Industria, que segue desaparecido do conflito.
De feito, para este mércores día 12 está prevista unha nova reunión da mesa técnica constituída no IGAPE e con tal motivo, os traballadores e traballadoras realizarán unha concentración a partir das 11:00 horas diante do edificio da Xunta de Ferrol. Nesa xuntanza, explica Alberte Amado, da CIG-Industria, demandaráselle á Administración galega que presente toda a documentación e faga o traballo que non concretou durante o período de consultas do ERE, "que podería ter facilitado que a día de hoxe en lugar dun expediente de extinción tiveramos unha regulación temporal dos empregos".
Entre as tarefas pendentes que o persoal reclama á Xunta está a concreción da visita á fábrica de Narón dun dos inversores (anunciada xa a primeiros de xuño) ou o asinamento dos documentos de confidencialidade por parte dos grupos interesados en continuar a actividade produtiva da planta.
"Queda moito por facer e non imos renunciar a buscar unha alternativa de viabilidade e futuro para Poligal", asevera Amado, por iso demanda da Xunta que se implique ao fondo na busca e na concreción de proxectos que dean futuro e permitan recuperar o emprego. De igual xeito, reclama a intervención do Ministerio de Industria que malia a urxencia da situación continúa desaparecido e sen informar de ningunha das xestións que se comprometera hai xa meses a realizar.
Indemnizacións avaladas por Poligal Portugal
A respecto do acordo do ERE, o representante da CIG explica que contempla indemnizacións de 28 días por ano de traballo cun tope de 20 mensualidades e destaca que o Grupo Peralada (propietario de Poligal) se comprometeu a avalar o pago das contías a través de Poligal Portugal. Ademais, acadouse o compromiso de darlle preferencia á contratación dos actuais traballadores e traballadoras no caso de retomarse a actividade.
Sobre a proposta de recolocación presentada polo grupo empresarial, Amado considera que é un simple lavado de cara, xa que todos serían novos contratos sen ningunha mellora das condicións. Deste xeito, ofrece 15 postos na fábrica de Portugal e outros 15 na de Polonia, pero coas condicións laborais que rexen en cada un destes países; 3 recolocacións na empresa comercializadora de Poligal, baixo o convenio estatal de químicas, con teletraballo e dispoñibilidade para desprazarse.