O persoal de Pizzerías Cambalache do CC Marineda irá á folga en resposta á precariedade laboral que padece
Os traballadores e as traballadoras do estabelecemento que Pizzerías Cambalache ten no Centro Comercial Marineda City acordaron convocar folga todos os sábados do mes de decembro en protesta polo abuso laboral e a precariedade que padecen dende hai anos. Para visibilizar a súa loita, dende o próximo 3 de decembro, o persoal concentrarase todos os sábados ás 13h diante do local de restauración e fará reparto de follas informativas na praza exterior do complexo comercial.
O presidente do comité e delegado da CIG, Iago Barros, explica que tras a marcha dos dous socios fundadores, a emblemática cadea coruñesa de pizzas e outras comidas está xerenciada en solitario por Carlos Pérez Sampedro, "quen ten na súas mans a maior empresa de hostalería de capital galego". Pero durante os últimos anos, "a política do empresario consistiu en desmantelar a empresa a conta da sobrecarga laboral do persoal máis veterano, que por esta razón abandonou en masa".
Contratos parciais e a través de ETT
Actualmente, engade Barros, Cambalache acumula case sete anos sen realizar contratos a xornada completa, conseguiu desfacerse de decenas de veteranos traballadores e traballadoras que non aturaban as condicións laborais, e recibiu numerosas sancións por vulnerar sistematicamente os dereitos do seu persoal.
Subliña que a media dos soldos en Pizzerías Cambalache (rexido polo convenio de hostalería e de reparto de produtos cociñados) só de maneira excepcional acada os 1000 euros/mes, debido ao abuso da temporalidade e da parcialidade. Como exemplo, indica que dos arredor de 40 repartidores/as que ten a empresa, "só hai unha persoa con contrato indefinido a xornada completa".
O presidente do comité critica que a empresa recorre á falsa escusa da falta de profesionais do sector para xustificar de maneira falaz o recorte de horarios do persoal e o número de empregados/as en todas as áreas, mentres aposta pola contratación temporal en fraude de lei e a contratación en precario a través de ETT. "Todos os centros traballan practicamente todos os días con persoal posto a disposición da empresa por ETT".
A tal punto que a cadea carece dun departamento de Recursos Humanos eficiente e apoiase en varias empresas de traballo temporal para tramitar a contratación "creando así un clima de permanente provisionalidade que afecta tanto ás novas contratacións como ao persoal veterano que nunca sabe con quen vai traballar cada día".
Incumprimento reiterados dos dereitos laborais
Xunta á precaria contratación, Barros denuncia que Cambalache tamén incumpre o dereito ao aumento da xornada do persoal, carece dos calendarios anuais e mensuais preceptivos por convenio, e aplícalle de forma ilexítima un convenio ao persoal de reparto "para aforrar custos en salarios e non complementar as incapacidades temporais, provocando dramáticas situacións de pobreza entre os repartidores cando padecen unha doenza".
Nos últimos cinco anos, a representación da CIG (maioritaria na empresa) denunciou diante a Inspección de Traballo todos estes incumprimentos e irregularidades, que derivaron en numerosas sancións. Mais aínda así, a empresa teima na súa actitude, polo que as relacións laborais en Pizzerías Cambalache están permanentemente xudicializadas.
De tal xeito que o persoal ten que recorrer aos xulgados polas sancións arbitrarias, a negativa a negociar as vacacións anuais, para que se lle recoñeza a súa categoría profesional, pola denegación dos permisos retribuídos, as valoracións preventivas insuficientes, a falta de uniformidade, que non se lles abonan os complementos salariais e extrasalariais recollidos no convenio, pola non retribución correcta dos festivos traballados, "e por un sen fin de condutas antiobreiras".
"O persoal xa non pode máis, está sobresaturado, como é frecuente no sector, e padece unhas condicións psicosociais nefastas", alerta o presidente do comité, quen chama as compañeiras e compañeiros a secundar a folga e participar nas concentracións dos sábados.