O persoal de Pérez Torres protesta en Ferrol contra os despedimentos e a precarización laboral
Traballadores da empresa Pérez Torres Marítima que presta servizos no Porto de Ferrol iniciou este luns o calendario de mobilizacións en defensa dos empregos e para rexeitar a precarización laboral que pretende impor a compañía. A protesta realizouse no paseo marítimo de Ferrol, a altura do punto de información turística do Km0 do Camiño Inglés, e repetirase o próximo xoves pola tarde.
Segundo explica Francisco Cartelle, da FGAMT-CIG de Ferrol, a empresa tenta aprovéitarse da última reforma laboral para precarizar as condicións de traballo, abusando dos contratos fixos-discontínuos, malia que aínda están sen regular no sector, xa que tanto UGT como CCOO renunciaron a regular esta figura contractual no convenio colectivo provincial de aplicación.
A esta práctica súmanse os despedimentos aplicados por Pérez Torres Marítima nos últimos tempos que, curiosamente, afectan ao persoal con máis antigüidade e con máis dereitos. A empresa pretende xustificar estes despedimentos pola baixada da actividade, mentres se producen estas novas contratacións en precario e cando no porto de Ferrol "están a traballar a cotío persoal das ETT e persoal eventual a esgalla".
Por iso advirte Cartelle que este camiño de precarización das condicións de traballo "atoparase sen dúbida coa oposición frontal do persoal que non vai permitir a perda do conquistado ao longo dos anos".