O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra volve á loita por un convenio digno
O persoal do sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra retomará as mobilizacións ante a negativa da patronal a convocar a mesa negociadora do convenio. A CIG vén de anunciar a convocatoria dun paro parcial de catro horas e unha manifestación este venres 18 en Vigo despois de que o empresariado nin sequera aceptase participar nunha mediación do AGA no Consello Galego de Relacións Laborais.
Neste contexto a central sindical celebrou varias asembleas abertas, nas que os traballadores/as decidiron apostar pola convocatoria dun paro parcial inicial de catro horas este venres “para alzar a súa voz e saír á rúa”.
“É a patronal -a Confederación de Empresarios/as de Pontevedra- a que, de xeito unilateral, se levantou da mesa de negociación suspendendo a súa continuidade; a mesma patronal que na última reunión achegou unha proposta económica con salarios inferiores ao SMI, propoñendo unha suba para 2024 dun 10% sobre a táboa salarial de 2012”. Ademais pretende conxelar a antigüidade, “un complemento que permitiu que os salarios brutos non ficasen de facto conxelados e que a perda de poder adquisitivo non fose maior da que xa era”.
Por iso a CIG chama o conxunto do persoal a saír á rúa a defender os seus dereitos e dicirlle “alto e claro” ao empresariado que “queremos un convenio e unhas condicións salariais xustas e dignas e que xa non aturamos máis”.
O paro parcial no sector desenvolverase de 11:00 a 15:00 horas, mentres que a manifestación sairá ás 12:30 horas dende Vialia, en Vía Norte, e percorrerá a rúa Urzaiz até o farol situado na confluencia coa rúa Príncipe. “Despois de 13 anos sufrindo esta situación o persoal levou a cabo folgas parciais o pasado 3 de novembro e os días 5 e 11 de abril, e unha folga de 24 horas o 15 de abril”.