O persoal de Navec na Coruña dá por pechado o conflito tras ser subrogado a unha nova empresa

A CIG-Industria destaca a loita desenvolvida polos traballadores/as na defensa dos seus dereitos laborais
A Coruña - 04 Nov 2024

Os traballadores e as traballadoras de Navec veñen de ser subrogados por Serveo despois de materializarse a cesión do contrato de mantemento na Coruña. Deste xeito ponse fin ao conflito e á folga iniciada tras a entrada en concurso de Navec ao garantirse todos os dereitos laborais e salariais do persoal.

A CIG-Industria explica que a cesión do contrato supón que o persoal de Navec na Coruña pasa a incorporarse a Serveo dende o 1 de novembro, asumindo esta empresa "todos os dereitos e obrigas que tiña contraído Navec con cada un dos traballadores e traballadoras".

A materialización da subrogación supón para o xa ex persoal de Navec deixar atrás o proceso concursal e a negociación do ERE de extinción proposto polo administrador. Neste senso, a CIG-Industria traslada o seu apoio e solidariedade coa loita que están a desenvolver os compañeiros e compañeiras do grupo Navec doutras delegacións.

Para a CIG-Industria este resultado é froito da organización, a loita e a firme determinación do persoal "que, a pesar de todas as dificultades e incertezas, foi capaz de resistir e sacar adiante unha folga polo dereito a manter o emprego e a cobrar polo traballo feito" e advirte que estará vixilante para que este proceso se dea con todas as garantías.