O persoal de Navec continúa en folga polo cobro dos salarios e que se execute o dereito á subrogación

A Coruña - 29 Out 2024

Os traballadores e as traballadoras de Navec continúan coa folga indefinida para reclamar solucións ante a incerteza xerada pola entrada en concurso de acredores da empresa, o anuncio de aplicación dun ERE e a falta de garantías no cobro dos seus salarios. Dende o inicio da folga o 18 de outubro, o persoal apóstase cada día ás sete da mañá na entrada da refinería de Repsol para visibilizar que continúan en loita. Este martes ademais, saíron en manifestación até a rotonda de Meicende ao berro de "despidos non, queremos solucións".

A empresa, que ten o contrato de mantemento da refinería da Coruña, xa viña arrastrando problemas no pago das nóminas dende había meses, até que finalmente o pasado 27 de setembro entrou en concurso. No marco deste proceso, e con parte da nómina de setembro aínda sen abonar, o administrador comunicou a aplicación dun ERE de extinción para o conxunto do persoal de Navec, pondo en risco a continuidade dos empregos.

Armando Carril, da CIG-Industria, denuncia a incerta situación na que se atopan os traballadores e traballadoras  pola falta de información concreta. "Non hai unha comunicación fluída nin por parte da empresa nin da administración concursal (que está en Tarragona) que nos aclare que se pretende facer co persoal e coa propia compañía", lamenta.

Pola documentación que se vai recibindo do xulgado, coñécese que hai movementos a respecto dunha posíbel poxa, "pero o escenario é de total incerteza". Neste senso, Carril apunta que cumpriría proceder "á venda das unidades produtivas, que outra empresa comprara o traballo que está facendo Navec aquí na Coruña e aplicara o dereito de subrogación que o persoal ten recoñecido, para que así poidan seguir traballando como fixeron até agora e como algún deles leva facendo dende hai máis de 30 anos".

Doutra banda, a CIG-Industria critica a actitude que está mantendo Repsol neste conflito, xa que no lugar de garantir os dereitos dos/as traballadores/as das súas contratas "insiste na súa práctica de esquirolaxe, mandando persoal alleo para substituír os traballadores en folga". Unha actuación que xa foi posta en coñecemento da Inspección de Traballo por constituír unha clara vulneración do dereito fundamental á folga.