O persoal de Navantia continúa co calendario de mobilizacións para exixir investimentos e emprego
Os traballadores e as traballadoras de Navantia continuaron este xoves co calendario de mobilizacións para reclamar investimentos que garantan o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol, un plan de emprego acorde ás necesidades das instalacións e que se acelere o proceso de incorporacións xa pactado. Hoxe o persoal manifestouse dende Recimil (a altura do monumento ao 10 de Marzo) até o edificio administrativo da Xunta.
O persoal reclama negociar o Plan Industrial tendo en conta que o seu financiamento -a diferenza dos denominados plans estratéxicos- non vai a cargo da SEPI senón da facturación e da carga de traballo da propia Navantia, e en función desta defínense os investimentos no estaleiro.
Debido ao atraso por parte da empresa, a negociación do Plan Industrial coincide no tempo coa renovación do convenio colectivo (que rematou no ano 2021 e cuxa negociación xa se debería ter producido). Neste contexto, unha das demandas da CIG é separar ás claras ambos procesos, porque a negociación do plan pode hipotecar a negociación do convenio, como xa ten ocorrido, especialmente no relativo ás condicións das novas incorporacións de persoal.
Ademais, a sección sindical da CIG entende que no planeamento industrial debe estar implicada a industria auxiliar posto que falar de novas infraestruturas e investimentos supón falar de carga de traballo para o futuro.
De ía que, por unha banda, haxa un calendario de mobilizacións e paros a nivel interno polo convenio colectivo e outro calendario de manifestacións nas rúas de Ferrol e contactos institucionais sobre o Plan Industrial. Precisamente, nesta rolda de contactos, está fixada reunión co conselleiro de Economía e Industria para o mércores día 5 de abril no edificio da Xunta en Ferrol.
Nese encontro, a representación do persoal quere reclamar a implicación directa da Xunta de Galiza no futuro das instalacións facendo investimentos en Carenas. Unha área abandona pola dirección de Navantia pero que sostén o emprego na industria auxiliar cando non hai carga de traballo en nova construción.
Para isto, demandaranlle que, ao igual que administracións de carácter local ou provincial teñen financiado a construción de infraestruturas nos estaleiros franceses, a Xunta asigne orzamentos para o novo dique de reparacións.
Doutra banda, a representación da CIG reitera ao Goberno español vontade política levantar o tan demandado dique de novas construcións, imprescindíbel para que o estaleiro de Ferrol poda competir coas mellores garantías no mercado, facendo mellores ofertas en tempo, calidade e custe. Ademais de reclamar que se aumente a capacidade actualde construción en grada.
E nesta mesma liña, salientan que os investimentos que se están a realizar en Fene para transformar ás instalacións ás necesidades da éolica maríña non poden invalidar o estaleiro para acceder nun futuro ao sector da construción naval. Precisamente, na antiga Astano está a ter un maior impacto o incumprimento do anterior plan de novas incorporacións e neste momento o 90% da actividade de produción está subcontratado.