O persoal de Narwhal do Porriño secunda os paros contra a flexibilidade laboral que impón a empresa
A práctica totalidade do cadro de persoal Narwhal Boats, empresa dedicada á fabricación de embarcacións con sede no polígono porriñés da Granxa, secundou hoxe a primeira xornada dos paros convocados para rexeitar a flexibilidade laboral que está a impoñer a empresa. Dende a CIG denuncian que a compañía obriga a realizar xornadas de até 11 horas sen remunerar o tempo extra e instaurou quendas de mañá e tarde, cando até o de agora só se traballaba de 7:00 a 15:00 horas.
A representación sindical de Narwhal (2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO) decidiu promover o paro entre as 12:00 e as 16:00 horas para que abranguese dúas horas en cada unha das quendas de traballo, tempo no que o persoal permaneceu concentrado ás portas da empresa. A medida de presión continuará este xoves 28, cando os máis de 40 traballadores/as están chamados/as a unha nova convocatoria de paros e de concentración diante da compañía no mesmo horario.
Dende a CIG explican que o conflito laboral vén de lonxe, xa que a empresa en lugar de reforzar persoal entre marzo e xuño, os meses nos que concentra maior actividade, o que fai é obrigar a traballar xornadas de até 11 horas, para despois reducir tempo de traballo ou mandar persoal para casa. Ademais, non remunera este tempo extra. “Por non falar de que impuxeron tamén quendas de mañá e tarde sen que exista ningún tipo de xustificación, cando sempre se traballou de 7:00 a 15:00 horas”, denuncian.
Esta situación motivou unha primeira convocatoria de folga que non se chegou a facer efectiva porque a dirección abriu un proceso de negociación que se pechou sen acordo “porque o que ofrecen é unha miseria”. En consecuencia, o persoal optou por retomar a folga e as mobilizacións.