O persoal de Masol reclama a fin da discriminación salarial e melloras nas medidas de seguridade

Ferrol - 13 Mar 2025

Traballadores e traballadoras da planta de Masol Iberia Biofuel concentráronse na tarde deste mércores no acceso ao Porto Exterior de Ferrol (onde está a planta de biodiésel) para demandar melloras nas condicións salariais, que se negocien os calendarios e que se cumpra coa lei de prevención de riscos laborais.

O presidente do comité, Joaquín Souto, explicou que se está reclamando rematar coa discriminación salarial que afecta principalmente ao persoal de produción, pero tras ano e medio de negociación coa empresa foi imposíbel chegar a acordo. “Non se respectan os grupos profesionais marcados no convenio, as diferenzas entre grupos profesionais entre persoal do mesmo grupo ou diferentes grupos, incluso estando ou non a quendas. Levamos moitos anos reclamando que se remate con esta discriminación”.

Indicou que esta diferenza salarial ronda o 10-15%, polo que nesas negociacións propúxoselle á empresa abonar as cantidades ao longo de varios anos, proposta que a dirección tampouco aceptou. Ante este inmobilismo “o persoal dixo basta e acordamos iniciar mobilizacións, porque a empresa ten que entrar en razón e asumir esta mellora salarial”.

A este respecto, Souto engadiu que para este 2025 está previsto que se materialicen os investimentos na planta para aumentar as capacidades produtivas polo que considerou que "este é un bo momento para que Masol poña tamén en valor os seus traballadores e traballadoras”.

Á cuestión económica súmanse incumprimentos en materia de seguridade laboral, nomeadamente no relativo á prevención en risco biolóxico e canceríxeno que existe neste tipo de plantas. Ante a falta de actuación da empresa, avanzou Souto, esta mesma semana vaise presentar denuncia na Inspección de Traballo para que se tomen as medidas correctoras necesarias.

Ademais, Masol Iberia tampouco negocia os calendarios laborais “que se nos impoñen, prexudicando a todo o persoal, máis ao de produción que está a quendas, e imposibilitando a conciliación da vida familiar e laboral”. O presidente do comité apuntou que xa nos propios informes psicosociais realizados pola empresa se recollen as penurias que está pasando o persoal do departamento de produción nesta cuestión”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.