O persoal de Masol Iberia Biofuel, en folga para esixir melloras salariais e laborais
Os traballadores e as traballadoras de Masol Iberia Biofuel están secundando este luns a primeira das catro xornadas de folga convocadas nas instalacións de Ferrol para esixir a equiparación das súas condicións laborais, salariais e sociais coas que xa ten o persoal doutras plantas da empresa no Estado español.
A folga, cun seguimento de practicamente o 100% no departamento de operacións, desenvólvese entre as 12:00 e as 16:00 horas e terá continuidade os días 22 e 26 de febreiro e o 2 de marzo, se a empresa segue sen contestar as propostas presentadas pola representación social nin formular alternativas. Neste senso, Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, explica que a decisión de convocar paros foi aprobada en asemblea de traballadores/as, pois “no que vai de ano non houbo avances na negociación nin respostas por parte da dirección da empresa”.
“As propostas que presentamos á empresa teñen como obxectivo mellorar as condicións económicas e sociais e regular os sistemas de traballo, coa intención de equiparar condicións con outras plantas que ten Masol no Estado español, concretamente en Cartagena e Castellón”, subliña Amado. O sindicalista engade que o persoal está disposto a negociar a regulación dos sistemas de traballo, mais previamente “hai que arranxar a cuestión económica”.
Ano e medio de negociacións
Lembra Amado que a representación do persoal leva máis de un ano e medio tentando negociar coa dirección, quen na última xuntanza aceptou aplicar dúas das reivindicacións: a cobertura do 100% en caso de enfermidade común e abonar un plus ao persoal que está a xornada partida. A primeira demanda xa está en vigor, mentres que o complemento para o persoal a xornada partida comezarase a aplicar -con carácter retroactivo- a partir deste mes.
Porén, aclara Amado, non se ten avanzado nada na cuestión económica. Como a empresa non ofreceu ningunha oferta, foi a parte social quen lle trasladou unha proposta, que a dirección se comprometeu a responder. “Pero a día de hoxe aínda non se pronunciaron. Estamos pendentes de ter unha reunión coa empresa, previsibelmente ao longo desta semana, e agardamos que aí nos digan algo ao respecto”, sinala.
Enormes diferenzas salariais entre o persoal
A representación social denuncia que existen enormes diferenzas salariais entre o persoal da planta de Ferrol e o que opera en Cartagena ou Castellón, incluso tendo a mesma categoría e atribucións. Unha situación que para a CIG-Industria resulta totalmente incomprensíbel tendo en conta que todo os traballadores e traballadoras da empresa está rexidas polo convenio estatal de industria química.
Así as cousas, fartos e fartas deste inmobilismo, os traballadores e as traballadoras da planta (que se dedica á produción de biodiésel) acordaron intensificar as mobilizacións e convocar estas catro xornadas de folga intermitentes.