O persoal de mantemento do Cunqueiro clama contra as diferenzas salariais e laborais na empresa
O cadro de persoal de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, desenvolveron hoxe a primeira das mobilizacións convocadas polo comité para reclamar un convenio colectivo de centro de traballo que remate coas diferenzas salariais e laborais entre os traballadores/as.
Durante a protesta, que tivo lugar entre as 14:30 e as 15:30 horas e na participou o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, os empregados/as da compañía encargada do mantemento do HAC rodearon o centro sanitario portando faixas e berrando consignas como “Veolia, escoita, mantemento está en loita”, “Non á discriminación” ou “Convenio solución”.
Dende o comité (2 CIG, 1 CCOO, 1 UGT e 1 independente) explican que entre os 60 traballadores/as do servizo de mantemento que foi centralizado no hospital vigués hai persoal con diferentes convenios: subrogado do Meixoeiro, de electromedicina, novas contratacións e persoal procedente do Sergas a través da empresa concesionaria do hospital “ao que se lle ten que aplicar un acordo de integración pero ao que non se lle respectan as condicións publicadas no Diario Oficial de Galiza”.
Deste xeito, hai empregados/as que que fan máis horas que o resto e perciben menos salario, outros/as aos que se lles deben cartos, “por non falar de que o persoal cualificado que se encarga do mantemento dos aparatos de electromedicina conta cun soldo de 1000 euros mensuais”. Por iso reclaman un convenio colectivo específico para este centro de traballo que iguale as condicións salariais e laborais, polo que as protestas continuarán este xoves 30 de novembro e os día 1, 4 e 5 de decembro, tamén de 14:30 a 15:30 horas.