O persoal de mantemento do CHUO suspende a folga indefinida tras lograr que Ferrovial sente a negociar
O cadro de persoal de Ferrovial, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), acordou este venres en asemblea suspender a folga indefinida que mantén dende o pasado 26 de febreiro despois de que a empresa confirmase a súa intención de sentarse a negociar unha saída ao conflito laboral.
Con todo, os traballadores/as, que hoxe mesmo se reincorporaron ao seu posto, decidiron tamén por unanimidade manter a convocatoria de folga durante as conversas e mentres non se chegue a un acordo que permita desconvocar definitivamente o paro que iniciaron para denunciar o incumprimento do convenio provincial do siderometal e a discriminación laboral que padecen con respecto ao persoal doutros centros sanitarios da provincia.
O anuncio da dirección de Ferrovial produciuse a raíz da mobilización celebrada o pasado luns diante da sede principal da compañía, situada na Avenida de Madrid de Vigo. Tras a protesta a dirección comprometeuse en entregar un calendario de xuntanzas, fixando a primeira para o vindeiro día 13.
Na reunión estarán presentes o director executivo e o responsábel de relacións laborais de Ferrovial, e está previsto que o director lle entregue á representación sindical a proposta da empresa por escrito, tal e como se comprometeu.