O persoal de mantemento do CHUO mantén unha xuntanza co BNG

A formación política pediralle ao Sergas o contrato con Ferrovial
Ourense - 05 Feb 2018

O cadro de persoal do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), da empresa Ferrovial, mantiveron este xoves unha xuntanza coa voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada Noa Presas para trasladarlles as reivindicacións que os levaron a convocar folga os días 6, 7, 8, 9 e 12 de febreiro.

A responsábel política comprometeuse a solicitar no Parlamento o contrato entre Ferrovial e o Sergas para coñecer en detalle as condicións que se establecen no acordo. Unha vez rematada a xuntanza os traballadores/as amosáronlles as deficientes instalacións nas que teñen que desenvolver o seu traballo e que non cumpren cos mínimos requisitos legais.

O secretario comarcal da federación de Industria da CIG de Ourense, Indalecio Gómez, trasladoulles que xa se puxeron varias denuncias ao respecto na Inspección de Traballo, cun resultado pouco satisfactorio para os traballadores/as. Tamén lles agradeceu á voceira nacional, á deputada e ao responsábel local do BNG o seu interese polas reivindicacións dos traballadores/as de Ferrovial.