O persoal de mantemento do CHUO segue coas protestas cando a folga indefinida supera xa os 70 días
O cadro de persoal de Ferrovial, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar unhas condicións de traballo iguais ao resto de traballadores/as doutros centros sanitarios da provincia. A folga indefinida convocada contra a discriminación laboral supera xa os 70 días, mentres a empresa e os representantes sindicais participan na mediación do AGA para intentar desbloquear o conflito.
Dende a federación de Industria da CIG de Ourense explican que a intervención do AGA non está a dar resultados polo de agora, xa que a dirección de Ferrovial reclama máis traballo para poder asumir a oferta da mediación, que é moito máis baixa que a proposta achegada pola representación do persoal.
Con todo, os traballadores/as insisten na súa disposición a seguir coas conversas para intentar chegar a un acordo que permita desconvocar a folga indefinida que manteñen dende o pasado 26 de febreiro. Mais reiteran que continuarán coas protestas até que as súas xustas demandas sexan atendidas pola dirección da empresa.
De feito, hoxe mesmo volveron mobilizarse polos arredores do complexo sanitario ourensán xunto a delegados/as da CIG-Industria e compañeiros/as do servizo de limpeza do hospital, onde berraron consignas como “Non á explotación en Ferrovial”, “Xerencia, escoita, mantemento está en loita” ou “O Sergas privatiza, Ferrovial escraviza”.