Mantemento do Cunqueiro mobilizarase para reclamar un convenio que iguale as condicións de traballo
O comité de Veolia Servicios Norte, empresa encargada do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vén de convocar mobilizacións para reclamar un convenio colectivo específico para este centro de traballo que iguale as condicións salariais e laborais do cadro de persoal. As protestas, coas que pretenden rematar coas diferenzas existentes entre os traballadores/as, desenvolveranse no propio hospital os días 29 e 30 de novembro e 1, 4 e 5 de decembro de 14:30 a 15:30 horas.
Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, estas diferenzas nas condicións laborais foron denunciadas ante a Inspección de Traballo, tras o que a empresa accedeu a negociar un convenio colectivo que as igualase. Neste senso, denuncian que entre os 60 empregados/as do servizo de mantemento que foi centralizado no Álvaro Cunqueiro hai persoal con diferentes convenios: subrogado do Meixoeiro, de electromedicina, novas contratacións e persoal procedente do Sergas a través da empresa concesionaria do hospital “ao que se lle ten que aplicar un acordo de integración pero ao que non se lle respectan as condicións publicadas no Diario Oficial de Galiza”.
Deste xeito, hai traballadores/as que que fan máis horas que o resto e perciben menos salario, traballadores/as aos que se lles deben cartos, por non falar de que o persoal cualificado que se encarga do mantemento dos aparatos de electromedicina conta cun soldo de 1000 euros mensuais.
A concesionaria desenténdese
Ademais, critican que a empresa concesionaria do Álvaro Cunqueiro, á que o comité de empresa lle solicitou unha xuntanza para abordar esta situación, desenténdese e do tema rexeitou a solicitude.
“Levamos ano e medio de conversas e chegamos a un principio de acordo sobre un convenio de centro de traballo, que non se puido concretar cando abordamos a cuestión da ultractividade do convenio, xa que a dirección non quere respectar as condicións pactadas cando remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo”. E a pesar de que os traballadores/as foron cedendo en distintas cuestións co ánimo de desbloquear a situación a empresa segue a dilatar o proceso. “Ademais, débenos cartos e horas, xa que non aplica as subas salariais acordadas”.
Diante disto o comité (2 CIG, 1 CCOO, 1 UGT e 1 independente) decidiu convocar concentracións na porta principal e nos arredores do Álvaro Cunqueiro os vindeiros días 29 e 30 de novembro e 1, 4 e 5 de decembro de 14:30 a 15:30 horas.