O persoal de mantemento de Navantia inicia a folga indefinida en defensa do emprego e dos dereitos adquiridos
Os traballadores de mantemento de Navantia iniciaron este luns folga indefinida para esixir a readmisión dos 15 compañeiros despedidos (6 da empresa INDASA e 9 da UTE TECMAN-RAYMA) e na defensa do dereito á subrogación. A folga rexistra un seguimento do 100% do persoal e as consecuencias do paro xa se notan no estaleiro de Ferrol, onde están paradas varias grúas por avaría, mentres que en Fene houbo algunhas incidencias nas cabinas.
Dende a CIG-Industria de Ferrol critican que transcorrida unha semana da comunicación formal da convocatoria da folga, "chegamos ao primeiro día sen que ninguén pareza querer solucionar este conflito ". De feito, engade Ramón Fernández Alfonzo, os únicos movementos das empresas implicadas (incluída Navantia) estiveron encamiñados a evitar os efectos da folga, pero non a propia folga," impoñendo servizos mínimos cando non corresponden ou promovendo a esquirolaxe, pretendendo substituír os folguistas por outro persoal. Todo absolutamente ilegal", afirma.
E así queda acreditado no laudo ditado este domingo pola Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, no que confirma que non procede a fixación de servizos de mantemento ou seguridade, xa que non existe fundamento constitucional que permita limitar, para esta convocatoria, o dereito fundamental de folga. Pero ademais, no propio laudo, o CGRL xa se pronuncia sobre a ilegalidade que supón que Navantia se reserve a facultade de substituír o persoal en folga das súas auxiliares con persoal propio ou doutras contratas, lembrando que esta práctica está literalmente prohibida e resulta claramente inconstitucional. Fernández Alfonzo xa adiantou que esta esquirolaxe será denunciada diante da Inspección de Traballo.
Defender o dereito á subrogación
En canto aos motivos do conflito e ás posíbeis solucións, a CIG-Industria cualifica de "vergoña allea" que o xerente da UTE, J.R. Franco, e M. Villadóniga, de ELECTRO-RAYMA, recoñeceran a preguntas da Presidenta do CGRL que aínda non se puxeran en contacto cos sindicatos na procura dunha solución que puidera evitar a folga.
O despedimento de 15 persoas, 6 de INDASA e 9 da UTE TECMAN-RAYMA (estes últimos sen previo aviso), alegando motivos económicos e xusto no momento no que se están a producir as negociacións entre as dúas empresas e Navantia para prorrogar os contratos en vigor, "non ten unha explicación racional, agás que alguén crea que pode sacar proveito negociando estas prórrogas en pleno conflito social e provocando unha parálise do estaleiro".
A este respecto, o representante da CIG lembra que o actual cadro de persoal de mantemento foi contratado no seu día pola UTE FERROVIAL-ELINCO, e polo tanto dimensionado no ano 2016, non existindo daquela unha ocupación do estaleiro maior da que haberá nos vindeiros dous anos. Ademais, este persoal gañou, posteriormente, o dereito a ser subrogado coa negociación do convenio do metal; unha conquista "que non foi do agrado nin de Navantia, nin das empresas que tiñan expectativas de recuperar no futuro as adxudicacións do mantemento. Expectativas que se cumpriron en 2018".
O dereito á subrogación quedaría baleiro de contido se consentimos despedimentos en momentos puntuais de menos carga de traballo, cando existen outro tipo de medidas para estes casos"
A CIG-Industria chama a atención sobre a transcendencia deste conflito no relativo á defensa dos dereitos adquiridos e da súa eficacia real, pois o dereito á subrogación (pactado no convenio precisamente para dar estabilidade a colectivos que traballan en servizos de carácter permanente) "quedaría baleiro de contido se consentimos despedimentos en momentos puntuais de menos carga de traballo, cando existen para estes casos outro tipo de medidas, como os ERES temporais".
O papel social das empresas públicas
A central nacionalista salienta que este conflito tamén pon en evidencia o papel social que deben desempeñar as empresas públicas e o modelo de empresa que se quere para Navantia. Neste senso, a CIG-Industria reitera que as compañías públicas deberían ser obxecto de especial transparencia e de boas prácticas na súa gobernanza, con sistemas fluídos e eficaces de control por parte do Goberno e dos parlamentos, que desterren calquera sensación de impunidade (e polo tanto a irresponsabilidade) por parte das persoas directivas.
"A dirección dunha empresa pública non pode tolerar operacións como esta contra o persoal dunha contrata para favorecer intereses espurios, e menos aínda provocando un conflito que poña en risco os compromisos produtivos e a imaxe da propia empresa", sinalan.
Este tipo de empresas, apuntan, deben procurar a xeración de riqueza e de emprego de calidade nas comarcas onde se asentan. Por iso, reclaman que se palíe a caída de emprego produtivo cun aumento dos orzamentos para reparación, mantemento, renovación, etc., de instalacións e maquinaria. "E non ao contrario, provocando unha tormenta perfecta de desemprego nunha comarca xa moi castigada", tal e como reflicten os datos oficiais de perda de poboación, de avellentamento ou de empobrecemento.
Pero para isto, é preciso rematar co veto para competir no mercado da construción civil, pois limitarse ao mercado militar "acabará por afogar a comarca de Ferrol. Non hai sociedade (nin empresa) que resista o baleirado periódico de gradas que padecemos nós. E non hai unha xustificación técnica ou comercial para isto, son decisións políticas", aseveran. De igual xeito que tamén o son as decisións sobre a subcontratación e a consolidación "dun exército de traballadores precarios na industria auxiliar que podan ser facilmente disciplinados a través do desemprego".