Folga indefinida no mantemento das zonas verdes de Vigo pola precarización e os incumprimentos
A representación sindical da UTE Zonas Verdes Vigo (Acciona e Mantén) anunciou hoxe o inicio dunha folga indefinida a partir deste luns 20 para denunciar a progresiva precarización das condicións laborais dende a entrada en vigor da última reforma laboral e os incumprimentos do convenio colectivo por parte da concesionaria municipal.
Membros do comité de empresa (8 delegados/as da CIG e 1 da UGT), co seu presidente, Alfredo Filgueiras, á cabeza, compareceron esta mañá en rolda de prensa para explicar os motivos da convocatoria. “O noso convenio colectivo establece que o persoal indefinido traballa de luns a venres en xornada intensiva na quenda de mañá, pero a raíz da reforma laboral a empresa está a facer catro tipos de indefinidos distintos: fixo-descontinuo, que entendemos que non procede porque o noso traballo non ten a estacionalidade que o xustificaría; fixo a tempo completo; fixo a tempo parcial con horas complementarias, que traballan cinco horas diarias seis días á semana; e fixo a tempo parcial con xornada irregular”, explicou Filgueiras.
En consecuencia, o representante sindical advirte que unha vez que se vaia xubilando persoal “o servizo irase precarizando en materia de contratación e relacións laborais”. Ao mesmo tempo, censura que o Concello de Vigo, que está a pagar 109 traballadores/as a tempo completo, mire cara a outro lado, “de igual xeito que fai cando a empresa non substitúe nin o 50% das baixas do persoal”.
Filgueiras tamén criticou a actitude da dirección da UTE, xa que en 15 meses que levan á fronte do servizo “xa temos enriba da mesa 37 sancións, superando as rexistradas en todos os anos que leva a concesión”. E isto a pesar de que o persoal segue a ser o mesmo e desenvolve o mesmo traballo. “Non entendemos a que veñen este tipo de represalias contra o cadro de persoal”.
Servizos mínimos desproporcionados
A empresa convocou onte ao comité para comunicarlle uns servizos mínimos que a representación sindical considera desproporcionados. “Poñen unha persoa por equipo, un total de 34 dos 109 que integramos o cadro de persoal (preto dun 30%), coa escusa de regar, baleirar as papeleiras e limpar os baños de Samil, Castrelos e O Castro”.
Neste senso, Filgueiras lembrou que na primeira folga que convocaron, non ano 2005, obtiveron unha sentenza xudicial que establecía que nesta concesión non hai lugar a decretar servizos mínimos porque non se trata dunha actividade esencial para a comunidade. Finalmente, adiantou que esta mesma tarde celebrarán unha asemblea para decidir as mobilizacións a desenvolver durante a folga.