O persoal de mantemento das cabinas de chorreo e pintado de Navantia irá a folga en defensa dos seus empregos
Os traballadores que se encargan do mantemento das cabinas de chorreo e pintado dos estaleiros de Ferrol e Fene irán á folga indefinida partir do próximo luns, 7 de novembro, en defensa da continuidade dos seus empregos e o dereito á subrogación e para demandarlle a Navantia que licite o novo contrato. A auxiliar que actualmente ten adxudicado este servizo, INDASA, xa lles comunicou aos dez traballadores que o 31-11-2022 serán despedidos porque Navantia non renovou o contrato.
Así o explicaron os propios traballadores afectados e o secretario da CIG-Industria de Ferrol nunha comparecencia para os medios de comunicación realizada esta mañá na porta do estaleiro de Ferrol. Vicente Vidal aclarou que o contrato destes compañeiros con INDASA está vinculado a este servizo de mantemento, polo que, ao non prorrogarse o actual nin licitarse un novo contrato, non hai empresa na que se poidan subrogar e polo tanto o 1 de decembro irán ao paro.
A CIG-Industria subliña que manter no tempo a estes dez traballadores non ten complicación, xa que hai actividade noutras cabinas e en cuestión de meses chegará unha importante carga de traballo aos estaleiros da ría. Ademais, está pendente unha parada urxente na que habería que facer traballos de mantemento e preparación das cabinas.
Neste liña, o voceiro dos operarios indicou que o seu traballo consiste en realizar o mantemento e o servizo integral de 21 cabinas e locais anexos, e aínda que Navantia acordou hibernar cinco cabinas de maneira temporal, as 16 restantes continuarán con actividade. Por iso reclaman saber "quen vai facer estas tarefas sen nós, se o departamento de mantemento de Navantia non se vai facer cargo destes traballos".
Ataque aos dereitos do persoal da industria auxiliar
Vicente Vidal subliñou que non se trata só de perder o emprego, senón que o problema radica en que "se Navantia decide atrasar a licitación máis de seis meses, os traballadores perderán o dereito á subrogación". De aí que demande da empresa pública que realice as xestións precisas para evitar que o persoal quede sen un dereito "polo que tanto pelexaron e que tanto lles custou conseguir", e cuxo obxectivo é dotar de estabilidade o persoal da industria auxiliar.
Precisamente, atrás da decisión de Navantia, a CIG-Industria ve un intento de atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras das auxiliares. "Primeiro Navantia fraccionou o contrato de mantemento, que até entón levaba unha soa empresa, a UTE Tecman-Rayma, en mini contratos, algúns dos cales teñen só 1 ou 2 traballadores". Esta manobra provocou a dispersión dos traballadores en distintas empresas e que se desfixera un comité e un cadro de persoal caracterizado pola súa combatividade, capacidade de loita e organización.
"Daquel proceso, marcado pola conflitividade, estamos vendo agora as consecuencias", valora Vidal, quen lembrou que hai máis contratas nas que se están dando situación similares. A este respecto, xa avanzou que a CIG-Industria non consentirá que se pretenda deixar sen efecto os dereitos do persoal da industria auxiliar por esta vía e exixiulle á Navantia que, de inmediato, saque as licitacións pendentes para garantir o mantemento dos empregos e dos dereitos laborais, máis cando existe actividade nos estaleiros na que ocupar a todos os traballadores.
"Despois de anos de desenvolver o noso labor de xeito correcto e continuado exiximos a Navantia unha nova licitación que evite que perdamos os nosos postos de traballo. Non imos permitir que se vulneren os nosos dereitos", concluíu o voceiro dos traballadores.