O persoal de Maitours (Grupo Alsa) leva dous meses en folga en demanda dos seus dereitos

Ferrol - 16 Set 2024

O persoal de Maitours (empresa do Grupo Alsa que xunto con Intercar forma a UTE que presta o servizo de transporte en autobús de Ferrol e comarca) está en folga indefinida dende o 15 de xullo para reclamar que se lle aplique o convenio provincial do sector e se respecten os seus dereitos laborais.

A estes 40 traballadores e traballadoras, Alsa estalles aplicando o convenio da extinta Tranvías de Ferrol, que era a anterior concesionaria de parte do servizo. Isto supón unha mingua nos seus dereitos laborais e salariais con respecto ás compañeiras e compañeiros de Intercar, regulados polo convenio provincial, xa que levan cos soldos conxelados dende 2020 ao non percibir as subas pactadas no convenio sectorial e non cobrar conceptos como axudas de custo ou antigüidade. 

Os traballadores/as reclaman que se lle aplique o convenio provincial do sector e non o da extinta Tranvías de Ferrol, como está a facer Alsa

O responsábel de Transportes da FGMAT-CIG, Xesús Pastoriza, salienta que a última reforma laboral estabelece “que os salarios dun convenio de empresa non poden ser inferiores aos do provincial do sector”. Porén, Alsa Ferrol segue escudándose nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado contra Maitours, que recoñece que o convenio regulador ten que ser o provincial, pero deixa a materialización deste cambio á súa publicación no BOP.

O convenio non está publicado na súa integridade, mais, apunta Pastoriza, “as táboas salariais si o están, polo que unha vez feita pública a parte económica do convenio tería que facerse efectiva de inmediato a súa aplicación en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais para o persoal de Maitours”.

A isto hai que engadirlle outros incumprimentos como que Maitours non compensa os festivos traballados (nin en cartos en tempo de descanso); que lle segue aplicando o convenio de Tranvías ao persoal de recente incorporación, o que constitúe “unha clara ilegalidade”; e incumpre sistematicamente o acordo para a realización dos servizos imprevistos.

A pesar do seguimento maioritario da folga e do impacto na prestación do servizo, a empresa mantén unha postura absurdamente inmobilista e négase a negociar un acordo. Na última xuntanza, de apenas media hora, a compañía “limitouse a pedir a desconvocatoria da folga sen achegar ningunha proposta nin garantía de aplicar o convenio sectorial e cumprir co resto de materias”.

Ampliar o conflito

Diante desta actitude, o persoal continuará pelexando polos seus dereitos e demanda a intervención urxente da Xunta de Galiza, que permanece desaparecida a pesar das súas responsabilidades, para garantir que se cumpra a lexislación laboral e se respecten os dereitos dos traballadores e das traballadoras. 

O persoal demanda a intervención da Xunta no conflito

Para máis abundar, coa escusa do inicio do curso escolar, a Xunta publicou un novo decreto de servizos mínimos que incrementa nun 300% a actividade a realizar. Con esta orde, explica Pastoriza, imponse o funcionamento do 80% dos servizos diarios, impedindo así que a maior parte do cadro de persoal poida exercer o seu dereito fundamental á folga. “En vez de implicarse na busca dunha solución, o que busca a Xunta é rebentar a folga impondo un servizos de máximos”, denuncia. Estes servizos, adianta, serán recorridos na vía xudicial.

Ademais, a CIG reunirá as estruturas comarcais da federación e as delegadas e delegados do sector do transporte de todo o país para analizar a situación do conflito e a súa extensión. Neste senso, avaliarase a posibilidade de convocar mobilizacións e accións de protesta noutras localidades en apoio aos compañeiros e compañeiras de Ferrol e na defensa dunhas condicións dignas nun sector no que os incumprimento dos pregos dos contratos son o pan de cada día.