O persoal de Magna Seating Vigo mobilízase para forzar a empresa a retomar a negociación do convenio
O cadro de persoal de Magna Seating Vigo mobilizouse hoxe diante da empresa, no polígono porriñés das Gándaras para denunciar a parálise das negociacións do convenio colectivo despois de que a dirección decidise suspender as conversas de xeito unilateral tras nove encontros. As protestas convocadas pola práctica totalidade do comité de empresa (CIG, CCOO e CUT) continuarán o mércores 2 e o venres 4 de outubro até que a compañía acceda a negociar e a ter en conta as propostas da parte social.
Dende a representación da CIG no comité de Magna explican que a compañía do sector da automoción négase a abordar a plataforma de convenio achegada pola representación das persoas traballadoras e pretende unicamente negociar as súas propostas, entre elas o establecemento de categorías de entrada. “Até o de agora mantivemos nove reunións, pero unicamente en dúas houbo negociación real, o resto foron un paripé”.
Neste contexto a compañía propuxo ir á mediación, pero o comité entende que primeiro tense que negociar a totalidade do convenio, “e logo poderíase ir á mediación para desbloquear as partes nas que non haxa acordo”.
En consecuencia, a parte social optou por convocar as protestas que comezaron hoxe -das que unicamente se desmarcou o delegado do sindicato de empresa GTV- para rexeitar os intentos de imposición por parte da compañía que suporían unha precarización das condicións laborais. O cadro de persoal está chamado a concentrarse de novo ás portas das instalacións de Magna os vindeiros mércores 2 e venres 4 de outubro de 13:00 a 15:00 horas.
Ao mesmo tempo, dende o comité anuncian que no caso de que tras estas mobilizacións non se retomen as negociacións abordarán a posibilidade de optar por outras medidas de presión.