O persoal de Maessa Naval S.L.U. mobilízase para reclamar a negociación do calendario laboral
Traballadores e traballadoras de Maessa concentráronse esta mañá diante da entrada de Navantia para reclamar que se negocie o horario e contra a pretensión da empresa de imporlles un calendario laboral para o ano 2024 no que se pretende repartir en minutos os sete días de exceso de xornada que lles corresponden. A mobilización coincidiu co inicio da folga indefinida que, con este motivo, teñen convocada.
Segundo explicaron no decurso da concentración a empresa impuxo o horario de saída para que non se xerara exceso de xornada. Até o de agora tiñan establecida unha xornada de 40 horas semanais o que lles xeraría para este ano (2024) sete días de exceso de xornada. Isto é, sete días de descanso a maiores dos que xa teñen.
Para evitalo, Maessa recortou un cuarto de hora diario a xornada e á volta do Nadal, tras debater en asemblea e votar, unha moi ampla maioría do persoal acordou iniciar mobilizacións para forzar unha negociación e intentar chegar a un acordo.
Inicialmente, na protesta desta mañá estaba previsto que participara tamén persoal de Empse, polo mesmo motivo. Porén esta empresa chegou a un acordo “para darlles tres días, saíndo dez minutos antes”.
Para a CIG-Industria de Ferrol é “perverso” interpretar o exceso de xornada “cunha argucia que supón, de facto, que o persoal non goce deses sete días que lles corresponden por lei”. Afirma que “sempre defendemos que este tempo ten que servir para ter menor presenza nos centros de traballo e non para saír dez ou quince minutos antes cada día”. En todo caso subliña que “quen coñece o sector sabe que saír uns minutos antes é moi difícil e mesmo inviable, polo que, ao final, o persoal remata por perder ese tempo”.
Nese mesmo sentido se expresa o persoal de Maessa que amosa a súa disposición a negociar e acadar un acordo, considerando que entre cero e sete é posible atopar un número de días axeitado para todos.
Explican que na maioría das auxiliares de Navantia, entre as que sinalan Kaefer ou ElectroRayma, teñen recoñecidos eses sete días a maiores por exceso de xornada e senón tres ou catro.
Desde o comité de Navantia xa se puxeron en contacto con eles para manifestar o seu apoio e animalos a buscar un acordo que permita resolver o conflito e á concentración celebrada este martes sumouse persoal doutras empresas para solidarizarse coa súa demanda.