O persoal de Maderas Iglesias marcha até a Xunta en Vigo en defensa dos postos de traballo
O cadro de persoal de Maderas Iglesias, firma do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa nunha situación crítica, marcou hoxe a pé dende as instalacións da compañía até a sede da Xunta en Vigo para reclamar medidas que garantan a continuidade da empresa e o mantemento de todos os postos de traballo. A fábrica situada na estrada de Atios a Pontellas, a única das tres que conta con actividade, estivo paralizada durante toda o día como consecuencia da xornada de folga convocada polo comité de empresa para facilitar a participación dos traballadores/as na mobilización.
A camiñada, na que participaron arredor de 200 persoas, arrincou das instalacións da empresa no Porriño ás 8.30 horas e chegou á delegación da Xunta en Vigo pasadas as 13:00 horas. Durante o percorrido o berro de consignas foi constante: “Queremos traballar, pero tamén cobrar”, “Maderas Iglesias solución”, “Traballo digno na nosa terra” ou “Queremos traballar e non emigrar”.
Unha vez en Vigo, os traballadores/as fixeron unha parada no hotel NH Collection da rúa García Barbón, que é propiedade do dono de Maderas Iglesias. Alí permaneceron varios minutos coreando consignas antes de continuar a marcha. O establecemento hoteleiro estivo en todo momento custodiado por varias dotacións da Policía española, ás que se sumaron numerosos efectivos da Policía autonómica ao chegar á Xunta.
Ao remate da protesta, que coincidiu coa convocatoria dunha xornada de folga que paralizou a actividade da empresa, o presidente do comité, Vicente Molares, da CIG, tomou a palabra para agradecer a presenza tanto dos traballadores/as como das súas familias e dos representantes políticos que se solidarizaron coa loita que manteñen en defensa dos seus postos de traballo.
Molares anunciou que este venres 23 manterán unha nova xuntanza co Igape e coa dirección da empresa en Santiago a partir das 12:30 horas para intentar chegar a un acordo que permita salvar o modo de vida de 250 traballadores/as e das súas familias e que garanta a supervivencia dunha das empresas máis importantes do sur da provincia de Pontevedra.