O persoal de Maderas Iglesias e os alcaldes da zona únense para esixir a intervención da Xunta
A representación do cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa con sede no Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, mantivo unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas do Porriño, Salceda, Ponteareas, Mondariz, Salvaterra, As Neves e Mos para analizar a situación da compañía ante o ERE extintivo anunciado pola dirección e reclamar de xeito conxunto a intervención urxente da Xunta.
Durante o encontro celebrado días atrás no salón de plenos do Concello do Porriño entre o presidente do comité de empresa, Vicente Molares, da CIG, e os rexedores/as das comarcas do Condado e da Louriña acordouse solicitar unha xuntanza coa Consellaría de Emprego, Traballo e Industria “que nos permita coñecer a situación e o alcance da solución que se propón para garantir o cumprimento dos compromisos retributivos e o mantemento da actividade mercantil e laboral”.
A reunión entre a representación do cadro de persoal e os responsábeis municipais das localidades que contan con maior número de traballadores/as da empresa tivo lugar despois de que Maderas Iglesias anunciase a súa intención de presentar un ERE extintivo que se aplicaría unha vez rematada a suspensión temporal de emprego, prevista para o vindeiro 5 de xuño.
Mantemento do emprego
O pasado mes de outubro a dirección da compañía anunciara a súa intención de eliminar un total de 150 empregos, cifra que agora rebaixa até os 80, pero o comité de empresa entende que este número pode reducirse aínda máis.
Dende a federación da Construción da CIG de Vigo insisten en que continuarán a defender a continuidade de todos os postos de traballo e a viabilidade dunha empresa que chegou a ser líder estatal en fabricación de tarima flotante e unha das principais compañías do sector a nivel europeo.