O persoal de Madera Fiber insta a Xunta a implicarse “na busca dun inversor serio” que garanta o emprego
O cadro de persoal de Maderas Fiber, antiga Faurecia Interior Porriño, desenvolveron onte unha mobilización diante das instalacións da compañía do sector da automoción no polígono das Gándaras para instar a Xunta a implicarse “na busca dun inversor serio” que garanta o mante-mento do emprego, unha vez que a empresa, que se atopa en concurso de acredores, atravesa unha situación crítica. Os afectados/as teñen convocada unha nova protesta para o vindeiro mércores 27 diante da sede autonómica en Vigo ás 11:00 horas.
Dende a representación da CIG no comité explican que outra saída posíbel sería que as 103 persoas que integran o cadro de persoal “volvamos ser traballadores/as de Faurecia”, xa que a transnacional francesa procedeu a vender a súa filial porriñesa en 2022 ao fondo de investimento alemán Callista por un euro, ao tempo que inxectou tres millóns de euros na empresa. Tras a operación, Callista nunca presentou ningún plan industrial nin realizou investimentos, e aos tres meses vendeu os terreos e as instalacións por 2,4 millóns, un prezo moi inferior ao valor de mercado.
A empresa continuou producindo até que en marzo de 2023 foi vendida por 3600 euros a unha empresa romanesa propiedade de Rüdiger Wisser, “que se presentou aquí asegurando que era embaixador do parlamento internacional dos dereitos humanos, algo surrealista”. Cinco meses despois esta persoa desaparece, deixando a empresa en concur-so de acredores con importantes débedas.
“Foi todo unha operación especulativa, xa que as pezas que fabricamos eran vendidas a Faurecia a un prezo inferior ao de fabricación, que era marcado pola propia Faurecia. O obxectivo desta trama era evitar o dano reputacional e as cuantiosas indemnizacións por despido, xa que as responsabilidade recaerían nun cidadán romanés insolvente”, sinalan dende a representación da CIG.
Empresa sen actividade
Nestes momentos na empresa só teñen actividade tres operarios/as, mentres que os 100 restantes “estamos sen facer nada”. O pago de salarios mantívose ao corrente até a última nómina, pero a previsión é que o persoal non perciba xa o soldo de setembro porque a compañía carece de fondos.
Diante desta situación, o comité comezou os contactos coa Administración autonómica para abordar o futuro da empresa co obxectivo de garantir o mantemento da actividade e dos empregos “e para esixirlles que se impliquen na busca dunha solución que pasaría por atopar un inversor serio que reflotase a compañía e mantivese o proxecto industrial”.