O persoal de Lugove-Subus concéntrase na estación de autobuses de Vigo na segunda xornada de folga

Critican a falta de reposta da empresa para corrixir os numerosos incumprimentos laborais e no servizo
Vigo - 14 Ago 2026

O persoal de Lugove-Subus (empresa que presta o transporte en autobús na comarca do Baixo Miño e Val Miñor) concentrouse este venres na estación de Vigo con motivo da segunda xornada de folga contra os reiterados incumprimentos laborais e na prestación do servizo. O persoal critica o mutismo da compañía que, malia o importante seguimento dos paros, segue sen manter contacto coa representación social nin intenta chegar a acordo para resolver as numerosas problemáticas denunciadas.

“A única resposta que deu a empresa foi a través dos medios de comunicación, asegurando que ten un compromiso claro coa mobilidade e a seguridade das persoas usuarias e traballadoras”, apuntou o presidente do comité, Anxo Taboada, que cualificou de absoluto cinismo estas palabras da compañía.

Lembrou que o persoal leva anos denunciando os numerosos incumprimentos de Lugove-Subus tanto en materia laboral como nas medidas de seguridade e o mantemento da flota, o que deriva nun incremento das baixas e que os incidentes no servizo sexan habituais. “Pero a resposta da empresa, en vez de atallar os problemas, é incoar expedientes e aplicarlle sancións ás persoas traballadoras”, rexeita.

Taboada sinalou que a empresa se escuda en que ten perdas “para non investir un duro” e mantén un cadro de persoal axustadísimo para cubrir as necesidades do servizo, o que provoca unha sobrecarga laboral e mental que afecta directamente á saúde das persoas traballadoras.

Hai que salientar que Lugove-Subus está en situación de prórroga pois a Xunta rescindiu o contrato e está en proceso de nova licitación. Por iso, o persoal tamén lle reclama a administración galega, como titular deste servizo público, que vele polos dereitos e a seguridade tanto das persoas traballadoras como das persoas usuarias.

Neste senso, Anxo Taboada denunciou que o persoal ten que realizar xornadas moi amplas con dispoñibilidade de até 15 horas, non se cumpre co descanso legal entre xornadas até o punto de que a empresa “converteu en norma o descanso reducido excepcional e elabora as quendas anuais de traballo sobre esta base”. Estas e outras prácticas, engadiu, xa foron sancionadas pola Inspección de Traballo.

A isto engádese un deficiente mantemento da flota e que tampouco se está realizando unha hixienización adecuada dos vehículos, xa que é o propio persoal condutor quen se encarga da tarefas de limpeza.

Nova xornada de folga o día 28

Así as cousas, a folga continuará o día 28 de agosto, data na que está prevista unha nova concentración ás 10h na estación de autobuses de Vigo. E de non producírense avances, o persoal non descarta intensificar as medidas de protesta.