O persoal de Linorsa en Ourense esixe a rescisión do contrato coa empresa con protestas diarias no Concello
Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, as mobilizacións desenvólvense todos os días de 11.00 a 12.00 horas para forzar ao Concello a rescindir o contrato con Linorsa, que adebeda tres mensualidades ao seu cadro de persoal, e a sacar de novo a concurso a concesión.
As traballadoras/es iniciaron o calendario de protestas este martes, coincidindo coa celebración do pleno da corporación municipal, e manteranas ao longo desta semana e da que vén. Durante as mobilizacións, convocadas polo comité de empresa (CIG, CCOO e UGT), as afectadas/os despregan unha faixa na que se pode ler “Linorsa paga o que debes” e berran consignas denunciando a súa situación.