O persoal de limpeza dos hospitais Clínico-Gil Casares e Provincial manifestarase en San Caetano o 26 de outubro
O persoal dos servizos de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial concentrouse esta semana ás portas, tanto do Hospital Provincial –este xoves- como do Hospital Clínico –o pasado martes- para denunciar os incumprimentos do convenio e de acordos acadados por parte da concesionaria, UTE-Ilunion. Levan mobilizándose desde antes do verán, sen que, polo momento, nin a empresa, nin a Xerencia, atendan as súas demandas. Por iso teñen convocada unha manifestación para o vindeiro xoves, día 26, ás 11:00 horas, en San Caetano.
Segundo explica Anxo Noceda, representante da CIG, entre os múltiples incumprimentos,está o concurso de vacante, a bolsa de contratación do Clínico-Gil Casares, as compensacións dos días covid ou o aboamento da carreira profesional porque, aínda que a concesionaria non nega o dereito, “nin se está abonando, nin se poñen as datas para comezar a cobralo”.
Respecto das compensacións covid, que son compensacións en días polo tempo de traballo na atención a persoas con covid que se estableceron durante a pandemia, en función do tempo traballado, “malia o tempo transcorrido, aínda non foron compensadas”.
Os comités dos servizos de limpeza dos hospitais recorreron á medicación no Consello Galego de Relacións Laborais para abordar esta problemática ou continuar coas negociacións. Mais o único que atoparon foi “a negativa por parte da empresa”. Por iso, afirma, “a única alternativa que lle queda ao persoal da limpeza do complexo hospitalario non é outra que a mobilización”.
Supresión de miles de horas na nova licitación
O pasado mes de setembro publicáronse os pregos da licitación do servizo de limpeza dos hospitais. Polo seu contido e, sobre todo, a raíz dunha corrección de erros que se publicou con posterioridade, advertiu ás empresas de que “se van eliminar miles de horas máis da prestación de servizos anuais con respecto ao que había na anterior licitación”.
Isto terá consecuencias tanto para as propias concesionarias, como para as traballadoras e traballadores, porque van ter que realizar o mesmo traballo, pero con menos horas. Neste sentido, Noceda denuncia que “se coa anterior contrata xa estabamos apurados de cadro de persoal, agora vai ser peor”.
O representante da CIG lembra que “o que adoita ocorrer con todas as contratas, co consentimento da Xerencia do Complexo hospitalario, son sobracargas de traballo enormes”. Ademais témese que a alternativa diante desta redución horaria sexa “prescindir de persoal ou ben amortizar postos de traballo unha vez que se produzan xubilacións”. Fronte a isto reclama que se dimensione o cadro de persoal para eliminar esa sobrecarga e atender axeitadamento as necesidades dos centros hospitalarios.
Internalizar o servizo
Con todo, Anxo Noceda aposta pola recuperación do servizo. Lembra que en non poucas ocasións, nomeadamente nas licitacións do SERGAS na área sanitaria de Compostela, sempre se fala do seu custo. E subliña que o propio Consello de Contas, vén apuntando nos seus informes, desde o ano 2014-2015, que este servizo de limpeza “resultaría moito máis económico para o SERGAS se fose internalizado”.
A este respecto, o representante da CIG incide en que, ademais, esta internalización “permitiría non empeorar as condicións do persoal a nivel laboral e económico e ter máis recursos para contar cunha mellor dotación de persoal de limpeza”.