O persoal de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial anuncia mobilizacións en outono
Traballadoras dos servizos de limpeza dos hospitais Clínico, Gil Casares e Provincial concentráronse esta mañá ás portas do Clínico para denunciar os incumprimentos do convenio e de acordos acadados por parte da concesionaria, UTE-Ilunion. Por iso xa adiantaron que, de non se resolver antes a situación, á volta do verán iniciarán un calendario de protestas, sen descartar ningún tipo de mobilización.
Segundo explicou o representante da CIG, Anxo Noceda, tras numerosos intentos de negociación coa empresa adxudicataria, tanto no hospital Clínico-Gil Casares, como no hospital Provincial, os comités acabaron por convocar mobilizacións, diante da falta de avances.
Entre outros incumprimentos apuntou o concurso de vacante, a bolsa de contratación do Clínico-Gil Casares, as compensacións dos días covid ou o aboamento da carreira profesional porque, aínda que a concesionaria non nega o dereito, “o certo é que non se está abonando, nin se poñen as datas para comezar a cobralo”. Uns incumprimentos que, indicou, tamén se están producindo, en moitos destes aspectos, no Hospital Psiquiátrico.
Respecto das compensacións covid lembrou que son compensacións en días, polo tempo de traballo na atención a persoas con covid que se estableceron durante a pandemia en función do tempo traballado e que “a día de hoxe aínda non foron compensadas”.
Diante destes e outros incumprimentos os comités de empresa do Hospital Provincial e do Clínico –Gil Casares recorreron á medicación no Consello Galego de Relacións Laborais para abordar esta problemática ou continuar coas negociacións. Porén, “o que nos atopamos foi coa negativa por parte da empresa”.
Por iso, afirmou, “a única alternativa que lle queda aos traballadores e traballadoras da limpeza do complexo hospitalario non é outra que a mobilización”.
Acordo do SERGAS de melloras retributivas e de xornada
Noceda lembrou ademais o recente acordo acadado na mesa sectorial do SERGAS de mellora das condicións retributivas e da xornada laboral que comezará a aplicarse a partir do día 1 de xullo. Un acordo que ten que ser de aplicación tamén ao persoal da limpeza hospitalaria, unhas 320 persoas, que están equiparadas ao persoal do SERGAS.
Neste sentido alertou de que está en proceso de licitación o novo concurso do Clínico-Gil Casares. “Queremos pensar que na redacción dos pregos se vai recoller a súa aplicación. As empresas teñen que mirar ben, cando se publiquen os pregos, que estas situacións están recollidas porque senón poden atoparse con sorpresas”, advertiu, “porque non imos renunciar á percepción desas melloras que lles corresponden por negociación colectiva”.
Encarecemento dos servizos
Con todo, Anxo Noceda considerou que detrás de todos estes incumprimentos, en moitas ocasións, “o único que se argumenta é o encarecemento dos servizos, que non é real porque as condicións son coñecidas”. Neste sentido apuntou que “se o problema é económico, as solucións tamén son doadas”, lembrou que o propio Consello de Contas de Galiza as ten posto enriba da mesa, en varios dos seus informes anuais, unha análise sobre esta cuestión e concluíu afirmando que “para resolver os problemas económicos en servizos que están externalizados e mellorar das condicións do persoal, a solución non é outra que a súa internalización”.