O persoal de limpeza dos colexios e instalacións deportivas de Pontevedra traslada as protestas á sede de Serveo na Coruña

Desenvolveu unha concentración diante das oficinas da concesionaria e solicitou unha xuntanza coa dirección para reclamarlle a readmisión das despedidas
Pontevedra - 16 Nov 2026

O cadro de persoal de Serveo, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios e instalacións deportivas do Concello de Pontevedra, trasladou hoxe as mobilizacións á sede central da empresa na Coruña. A representación sindical da CIG solicitou unha xuntanza coa dirección para abordar a readmisión das traballadoras despedidas.

Dende a central explican que a protesta de hoxe tiña por obxectivo deixar “moi claro” que a única solución ao conflito laboral aberto pasa pola readmisión das catro despedidas coas mesmas condicións laborais das que gozaban até o momento da rescisión dos contratos.

Ao mesmo tempo, lamentan que dende hai unha semana non produciu ningún movemento por parte da compañía a pesar de que o persoal leva 15 días de folga, xa que o último contacto tivo lugar hai arredor de sete días.

Finalmente, agradecen o apoio amosado Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos Centros Públicos de Ensino da Provincia de Pontevedra (FANPA), que ademais de advertir sobre o deterioro das condicións de limpeza dos colexios, fixo fincapé nos dereitos laborais e defendeu que o cadro de persoal ten que ter garantidas as súas condicións de traballo e percibir un salario xusto pola labor que realiza.